Unha pregunta rexistrada no Parlamento Europeo polo eurodeputado socialista Xosé Blanco trasladou a Bruxelas o malestar existente en Ponte Caldelas polo reparto por parte da Xunta de Galicia das axudas para paliar os danos dos temporais do último inverno. O municipio quedara excluído desta convocatoria a pesar de ser un dos concellos máis afectados.
Na súa interpelación, Blanco insta á Comisión Europea a determinar se o denominado como Plan de Emerxencias da Xunta está financiado con fondos europeos, en cuxo caso quere saber se a Comisión coñece os criterios para o seu reparto. Reclama tamén unha investigación para garantir que os fondos comunitarios se distribúan de forma "xusta e non discriminatoria".
O relato trasladado polo goberno municipal ao eurodeputado recolle que tras as inundacións do pasado inverno, a Xunta repartiu 2,8 millóns de euros entre concellos galegos, 14 deles na provincia de Pontevedra. Os cartos foron repartidos por convenios bilaterais cos concellos.
Entre os solicitantes inicialmente admitidos estaba Ponte Caldelas que, posteriormente, foi eliminado da relación xunto con outros dous concellos. Na relación final dos 14 concellos da provincia -todos eles gobernados polo PP, segundo recorda o concello caldelán- apareceron concellos que nin sequera tiñan solicitado tal axuda, como foi o caso de Cotobade.
"Segundo a información que nos trasladan dende o Concello, o Plan de Emerxencias foi presentado pola conselleira como un complemento do Plan Marco para arranxo de camiños rurais, plan financiado ao 75% con fondos FEADER", explica o eurodeputado Blanco na súa pregunta.
Andrés Díaz celebrou que a pregunta xa teña producido efectos, pois só un día despois da súa presentación, a Xunta de Galicia informou aos medios de comunicación da concesión dunha subvención de 35.000 euros a Ponte Caldelas para paliar os danos dos temporais de inverno.
"Parece unha rectificación en toda regra e polas présas e o xeito de anuncialo, sen comunicación oficial ao Concello, parece que ten moito que ver con esta pregunta diante da Comisión Europea", asegurou o alcalde.