O Concello de Ponte Caldelas puxo en marcha unha campaña informativa "Nin unha gota de máis" para concienciar á veciñanza sobre a importancia do aforro no consumo de auga.
A iniciativa do goberno local consiste nun cartaz que vai ser colocado por todo o municipio e que tamén vai ser difundido a través das novas tecnoloxías, tanto a través de Facebook como nos grupos de WhatsApp, como na aplicación municipal de Tokapp.
Ponte Caldelas logrou este ano manter o subministro municipal sen restricións gracias ao traballo preventivo, emprendido ao comezo do mandato para a revisión, limpeza e mantemento dunha trintena de captacións municipais situadas na zona de Caldelas, incluída a do río Calvelle. Mesmo unha das máis importantes foi recuperada ao descubrirse que estaba a ser utilizada irregularmente.
Non obstante, o alcalde Andrés Díaz subliña que a dependencia do subministro urbano do bombeo situado no río Verdugo, á altura do paseo da Calzada, "é cada vez maior".
A solución é cara para o Concello, pois incrementa sustancialmente a factura por consumo eléctrico. Ademais, o Verdugo atópase nun nivel moi baixo, o que non invita ao optimismo. Pero onde a situación é crítica dende hai meses é nalgunhas das parroquias do rural, pois moitos pozos particulares están secos e as traídas veciñais comunais non son suficientes para cubrir a demanda.
Varios lugares veñen padecendo restricións con cortes durante a noite e tamén parciais durante o día. A recente vaga de lumes acentuou os problemas, pois gran parte das gomas de subministro tiveron que ser substituídas e, nalgúns casos, como aconteceu en Silvoso, foi preciso limpar o depósito, contaminado coas cinzas.
O goberno local puxo en marcha este ano unha iniciativa de asesoramento ás comunidades de augas de todo o municipio para afrontar os retos do cambio climático. De feito convocou xa un par de xuntanzas coas súas directivas para abordar a modernización da xestión destas infraestruturas veciñais, moitas delas sen sequera regularización administrativa diante de Augas de Galicia, o que imposibilita a autorización de novas captacións e o acceso ás subvencións oficiais.
"Ao igual que en todo o rural de Galicia, en Ponte Caldelas arrastramos a idea preconcibida de que a auga do monte é infinita, un escenario que non se corresponde nin coas estritas esixencias da administración actual, nin coa seca que chega por consecuencia do cambio climático", afirma o alcalde. "Aos concellos tócanos ir cambiando esa mentalidade e, aínda que xa hai moita xente que o asume, queda camiño por andar".