Tres das asociacións de mulleres rurais do municipio, Mulleres Rurais de Xustáns, Mulleres Rurais de Taboadelo e Mulleres Rurais do Verdugo, foron as protagonistas do acto que organizou Ponte Caldelas para conmemorar o 25 de novembro, día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres.
O acto, que tivo lugar na Casa de Cultura, invitou aos asistentes a 'cortar' coa violencia de xénero e fíxoo de xeito emotivo, realista e duro.
Casos reais como o de Sesé Mateo de Redondela, Sonia Iglesias de Pontevedra ou Sandra Boquete de Valga fixeron que as bágoas corresen polas meixelas das mulleres e homes que participaron neste acto.
As Mulleres Rurais de Xustáns fixeron unha intervención con velas e pintura na que plasmaron moitos dos tópicos da violencia de xénero. Pola súa parte, Hilda Diz, presidenta da asociación de Mulleres Rurais de Taboadelo, puxo aos asistentes na pel de Sesé Mateo, dos seus fillos e, pechando a súa intervención, tamén fixo ver que hai esperanza, que quedan homes bos.
As Mulleres Rurais do Verdugo fixeron unha intervención con relatos reais de mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas contados en primeira persoa.
Gisela Moon puxo a voz musical a un acto que se pechou colocando as mans de todos os asistentes nunha gran pancarta que invitaba entre todos a poñer fin á lacra da violencia machista.