O goberno local do Concello de Ponte Caldelas expresou a súa satisfacción unha vez que a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial anunciaron a súa intención de sentar a falar da modificación do mapa de emerxencias da provincia de Pontevedra.
O goberno caldelán asegura que os concellos do Verdugo, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Campo Lameiro, sufren "a peor zona de sombra de toda a provincia", pois un recente estudo da Deputación sitúa a tardanza media en 50 minutos.
Este ámbito xeográfico é atendido dende os parques comarcais de Bueu ou Ribadumia, o que se consideran "completamente irracional".
Ponte Caldelas aposta pola comarcalización dos bombeiros municipais de Pontevedra como fórmula máis sinxela para solucionar a zona de sombra na comarca. Destácase que non ten sentido que as empresas do polígono do Campiño teñan bombeiros en 15 minutos e as da Reigosa deban agardar dúas horas.
Ao mesmo tempo, o Concello subliña o absurdo de que unha persoa que sofre un accidente e queda atrapada en Marcón poida ser excarcerada rapidamente polos bombeiros de Pontevedra, mentres que se ten a mala sorte de sufrilo en Vilarchán, uns centos de metros máis adiante deba agardar polos bombeiros de Ribadumia.