O Concello de Ponte Caldelas vén de remitir os dous informes desfavorables sobre a liña de alta tensión dos parques eólicos de Os Cotos II e Chan dos Meniños á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostenibilidade e Cambio Climático, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
De ambos os dous informes considérase que a liña de alta tensión non cumpre coa lexislación vixente, dado que o proxecto da liña de evacuación está ligado ao proxecto do parque eólico, sendo unha infraestrutura imprescindible para a execución e a viabilidade deste.
"Isto demostra que hai unha fragmentación clara do proxecto no seu conxunto, por unha parte os aeroxeneradores e pola outra banda a liña de evacuación, con seus estudos de impacto ambiental avaliados independientemente, poderían ocultar impactos ambientais mais globais e severos", indica o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.
Destacar tamén que no documento non hai constancia da situación dos aeroxeneradores, do seu número nin potencia, pero o inicio da liña de evacuación dos parques eólicos dos Cotos II e Chan dos Meniños está situada moi preto da liña de evacuación proxectada no parque eólico dos Cotos, que presenta unha potencia de 30 megavatios, repartidos en 6 aeroxeneradores.
Ademais, a distancia entre a subestación dos Cotos e a subestación dos Cotos II é duns 100 metros entre elas. A distancia entre estas subestacións respecto da subestación de Chan dos Meniños é inferior a 650 metros.
As principais conclusión dos informes determinan que o documento non contempla a instalación eólica a súa infraestructura de conexión; que o proxecto non xustifica suficientemente a alternativa 0 de non construcción da liña de evacuación.
Conclúen tamén que, segundo o modelo de zonificación ambiental para a implantación de enerxías renovables, elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e de Reto Demográfico, o valor do índice de sensibilidade ambiental indicaría que non sería recomendable a implantación de proxectos eólicos na zona.
Tamén conclúe que a liña de evacuación, non ten contemplada a afección da servidume aeronáutica do aeroporto de Vigo e que o impacto socioeconómico non reflicte o crecemento na evolución da poboación dos últimos anos.
Engade ademáis que non se establecen cal son as medidas correctoras e de protección para a ave escribano palustre nin tampouco se contemplan as medidas correctoras respecto a puntos de captación ou conduccións de abastecemento de auga para a poboación, nin a elaboración dun informe sobre o patrimonio cultural.
Ademáis conclúen que a paisaxe verase alterada de forma permanente posto que non existen medidas correctoras nin protectoras que impidan a modificación da cunca visual e apunta que realizouse un análisis moi somero das afeccións sobre a fauna (colisións ou electrocucións) e a flora (fragmentación do terreo, impactos sobre o solo, compactación dos terreos ou desprendementos).
E por último, que a saúde da persoas pode verse afectada pola exposición continua aos campos electromagnéticos de baixa frecuencia producidos polas diferentes instalacións que confirme a liña eléctrica.
LIÑA DE ALTA TENSIÓN DO PARQUE EÓLICO DOS COTOS
Por outra banda, o alcalde de Ponte Caldelas celebrou que o informe de impacto ambiental do proxecto da liña de alta tensión de 66 kV do parque dos Cotos, elaborado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático e publicado este martes no Diario Oficial de Galicia, dea a razón ó Concello de Ponte Caldelas.
Obriga á empresa a someter o proxecto a unha avaliación de impacto ambiental ordinaria, ao considerarse que a configuración seleccionada produciría impactos ambientais significativos, especialmente no referente á paisaxe, debido á localización da traza da liña sobre afloramentos rochosos, é necesaria unha análise en profundidade das alternativas que se debe levar a cabo por medio da elaboración dun estudo de impacto ambiental para evitar ditas afeccións, valorando as repercusións que terá o proxecto en todos os demais elementos do medio.