Os recursos naturais do municipio e a súa gastronomía son os dous eixos sobre os que xira a campaña de promoción turística que o Concello de Ponte Caldelas puxo en marcha nas redes sociais de cara a esta Semana Santa. O obxectivo é atraer os turistas que busquen un destino próximo e saudable.
A campaña invita a planear visitas ao bosque de sequoias situado na parroquia de Vilarchán, un dos máis importantes de toda España, aos petróglifos da área arqueolóxica de Tourón ou á rede de sendeiros de Ponte Caldelas, formada por catro rutas circulares. A oferta complétase co Foxo do lobo, a trampa tradicional situada en Laxoso de Abaixo.
O goberno municipal destaca que a aposta pola promoción turística na internet está dando os seus froitos. A páxina de Facebook ten xa 2.500 seguidores e rexistra un importante volume de interaccións. No último ano rexistrou un crecemento do 12%.
As estatísticas amosan que a páxina é seguida dende 34 países, principalmente España, Portugal e Brasil. O resto das entradas, por orden de importancia, proceden de México, Arxentina, Suíza, Estados Unidos,Venezuela, Italia, Francia e Italia. Na listaxe aparecen tamén países como Papúa Nova Guinea ou Camerún.
O goberno local caldelán, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, destaca que as redes sociais son o "escaparate do turismo do século XXI". Neste eido, subliña o alcalde, Andrés Díaz, "cómpre ser orixinal porque estamos diante dun sector moi competitivo".
Ponte Caldelas aposta pola natureza, o patrimonio arqueolóxico e etnográfico e a gastronomía, que "son un mix realmente interesante" e ao que o alcalde engade a presenza da única praia fluvial con bandeira azul de toda España.
O alcalde móstrase convencido de que "non hai mellor promoción turística que unha boa programación cultural, deportiva e festiva" e así o demostra, sinalan, os máis de 50.000 visitantes que pasaron por Ponte Caldelas durante o pasado verán. Estas cifras serán "aínda mellores", vaticina de cara a este ano.