O salón de plenos do Concello de Ponte Caldelas expón desde este mércores o estudo de alternativas para a mellora da garantía do abastecemento na zona sur da provincia de Pontevedra que o pasado martes remitiu, vía correo electrónico a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Logo de facer as consultas xurídicas oportunas, o Concello de Ponte Caldelas expono no salón de plenos para que toda a veciñanza e todos os colectivos que queiran “teñan oportunidade de coñecer con máis detalle todas as alternativas que se plantexan neste estudo pagado pola Xunta de Galicia, o Goberno de España e o Concello de Vigo", e que, segundo o goberno local, "plantexa graves agresións ao noso concello".
Visto o estudo en detalle, Díaz considera que "o rural galego non pode ser a gasolineira “low cost” das cidades, nas que meten eólicos, liñas de alta tensión, encoros e trasvases sen ternos en conta, sen consultarnos e faltándonos claramente ao respecto".
O rexedor continúa esperando por unha reunión coa Xunta de Galicia ou co Goberno de España para que “se aclare se realmente se vai levar a cabo algunha das propostas que se plantexan neste estudo. Temos claro que pasaremos da loita social á vía xudicial se é preciso. Porque mentres as tres administracións implicadas botan agora balóns fóra, teño moi claro que mentres eu sexa alcalde non vou permitir agresións inxustificadas en Ponte Caldelas”.