Ponte Caldelas esixe á Xunta que desbloquee a situación da Central de Transportes

Ponte Caldelas
28 de xullo 2017

Cos únicos votos a favor do goberno municipal, o pleno de Ponte Caldelas aprobou esixir do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da Presidencia da Xunta de Galicia a modificación inmediata da ordenanza urbanística que regula as condicións de edificación nos terreos coñecidos como a Central de Transportes, no polígono da Reigosa. O PP votou en contra

Pleno da corporación municipal de Ponte Caldelas
Pleno da corporación municipal de Ponte Caldelas

Cos únicos votos a favor do goberno municipal, o pleno de Ponte Caldelas aprobou esixir do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da Presidencia da Xunta de Galicia a modificación inmediata da ordenanza urbanística que regula as condicións de edificación nos terreos coñecidos como a Central de Transportes, no polígono da Reigosa. O PP votou en contra.

A moción alerta de que a ordenanza urbanística vixente foi redactada en 2005 para un solo proxectado como Central de Transportes, estruturado en torno a cinco grandes parcelas urbanizadas onde estaba previsto construír catro naves exentas de gran formato para servizos loxísticos e unha gasolineira.

No ano 2009, diante do fracaso na saída ao mercado, o IGVS cambiou de estratexia e impulsou a división das macroparcelas en 41 pequenas parcelas onde fora posible erguer modestas naves apegadas.

Sen embargo, a pesar do tempo transcorrido e do radical cambio urbanístico, o IGVS non adaptou a ordenanza reguladora dos parámetros urbanísticos imprescindibles para que o Concello poida tramitar e conceder as licenzas, entre eles as aliñacións das fachadas, fondos edificables, o recuamento aos lindeiros ou a continuidade dos muros de peche.

Esta ordenanza é competencia exclusiva da Xunta de Galicia, como titular dos terreos e, ademais, pola vixencia dun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal sobre todo o polígono da Reigosa.

O resultado deste "desleixo", segundo o Concello, é que só se vendeu a parcela para a gasolineira e as catro restantes, divididas en cachos dende hai 8 anos, seguen sen saída comercial, "atrancadas polo desinterese da Xunta de Galicia" e coa queixa de empresarios ante as "trabas burocráticas" que atopan.

O alcalde destacou que houbo tempo máis que suficiente para facer uns cambios de escaso calado, "a non ser que o expediente se meta nun caixón", mentres que Alfonso Gutiérrez, portavoz de AVP, lamentou que aos empresarios "a Xunta lles vende un coche, pero non lles entrega as chaves" e Lito Muíños, portavoz do BNG, achacou o problema a unha descoordinación entre o IGVS e Xestur, responsable da comercialización do solo industrial.

Pola súa banda, a portavoz do PP, Inés Sánchez, recordou que a central está parcelada desde 2009 e asegurou que se non se venderon os terreos "foi por culpa do bipartito da Xunta" ante a falta de acordo entre as consellerías do PSOE e do BNG. Con respecto aos cambios pensados, asegurou que é "absurdo" aprobar unha moción sobre algo que xa se está tramitando.

OUTROS ACORDOS

O pleno aprobou tamén a modificación do inventario municipal para converter o edificio do antigo matadoiro nun local para acoller, en réxime de aluguer, o Rexistro da Propiedade de Ponte Caldelas. 

Ademais, autorizouse a agrupación da praza de tesoureiro cos concellos de Cerdedo-Cotobade e Vilaboa co fin de racionalizar o gasto, así como a designación como festivos locais das datas tradicionais, é dicir o 14 de febreiro, Mércores de Cinza, e o 29 de agosto, día da Virxe das Dores.