O Concello de Ponte Caldelas estudará no pleno deste xoves unha moción, presentada polo goberno local tripartito, para analizar e valorar a posibilidade de trasvasar auga dende o río Verdugo, con obras permanentes, para alimentar o sistema do encoro de Eiras.
O alcalde, Andrés Díaz, adianta que considera unha "falta de respecto institucional inadmisible" que Augas de Galicia (órgano dependente da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia) estea a falar de sacar auga do río Verdugo e acometer obras de emerxencia sen falar antes co Concello implicado.
"Isto non é Afganistán para chegar e meter máquinas pasando por enriba da administración local", advírtelle Díaz ao director de Augas de Galicia, a quen lle vaticina "serios problemas" se continúa nesta actitude. Este mesmo martes saíu unha carta dende a Alcaldía reclamando unha información completa.
Nun comunicado de prensa o Goberno local caldelán di estar "abraiado" de que se estea considerando extraer 350 litros por segundo do caudal dun río que, segundo os datos da estación de aforo, leva apenas 1.000 litros por segundo, o que supón máis dun tercio da auga. Cifras que, na súa opinión, "comprometen o caudal ecolóxico nun río de gran importancia piscícola".
Ademais, afirma o equipo de goberno, Augas de Galicia non reinvestiu nin un euro do que recada mensualmente en concepto de canon de saneamento e coeficiente de verquido toda vez que hai anos que non acomete ningunha obra de saneamento. "Sería curioso que agora gastaran cartos para levar auga de Ponte Caldelas", recalcan.
Andrés Díaz subliña que "Ponte Caldelas é solidaria e entende a dramática situación que atravesan os veciños da ducia de concellos do sur, entre eles o de Vigo, afectados pola seca".
A disposición a colaborar reflíctese no acordo adoptado pola Xunta de Goberno o pasado venres, na que condicionou o trasvase a unha actuación provisional, sen obras nin estruturas permanentes, e, en todo caso, augas abaixo da central hidroeléctrica de Laforet, moi posiblemente na central do Inferno. Ningunha destas condicións parece cumprirse a xulgar polas notas de prensa que emite Augas de Galicia.
Andrés Díaz destaca que se está a falar de quitar auga da canle de Laforet, que arranca augas arriba do lugar de A Roca, é dicir, por enriba do barranco do Verdugo, unha das paraxes naturais máis emblemáticas dos ecosistemas fluviais de Galicia. Un espazo ecolóxico, con tres pozas e tres saltos naturais únicos, que son un dos emblemas turísticos de Ponte Caldelas. "Se a Consellería de Medio Ambiente quere secar o barranco do Verdugo vainos ter en fronte", advirte.
O alcalde engade que "a indignación crece" cando Augas de Galicia admite que hai outras opcións "máis respectuosas medioambientalmente". "Aínda que sexa necesario bombear, o custo económico non debe estar nunca por enriba do estragamento da natureza", recalca.
"Se Augas de Galicia continúa coa súa actitude, o Concello non descarta ningunha opción, incluídas as mobilizacións populares"
O goberno local caldelán encargou este martes un informe xurídico urxente para clarexar as competencias de todas as administracións involucradas nun asunto desta complexidade e comezar a estudar as posibles medidas administrativas e xudiciais. A maiores, "se Augas de Galicia continúa coa súa actitude, o Concello non descarta ningunha opción, incluídas as mobilizacións populares".
O equipo de goberno municipal di estar "atónito coa incompetencia de Augas de Galicia", pois xa lle avisou en varias ocasións de que Ponte Caldelas non se abastece da presa de Eiras e, sen embargo, si recibe auga de Pontevedra para surtir ao polígono da Reigosa. Diante do "incrible descoñecemento" dos responsables de Augas de Galicia da realidade dos abastecementos municipais, o Concello de Ponte Caldelas informou por dúas ocasións que debe ser convocado na mesa da auga de Pontevedra. Sen embargo, nun asunto da entidade dun posible trasvase, Ponte Caldelas esixe un diálogo directo con Augas de Galicia.
Andrés Díaz recalca que "a Xunta de Galicia non está nunca para atender as necesidades de Ponte Caldelas, sen embargo, "para quitar auga do río Verdugo parece que se dan moita présa, pero están moi equivocados se pensan que Concello, no que a Xunta non inviste un peso, vai quedar cos brazos cruzados".