O Concello de Ponte Caldelas presentou diante da Xunta de Galicia o borrador de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do municipio, un documento co que pretende poñer fin ás bormas subsidiarias de hai máis de 25 anos e aprobar a primeira ordenación urbanística desenvolvida expresamente para Ponte Caldelas.
O equipo de goberno retoma así o frustrado plan de 2006 do anterior goberno municipal, "no caixón" dende entón tralo duro informe preliminar da Xunta de Galicia. Ademais, foi necesario adaptarse aos numerosos cambios na Lei do Solo e a entrada en vigor de varios plans sectoriais (entre eles as Directrices de Ordenación do Territorio) producidos nestes anos, o que obrigou a refacelo por completo.
O alcalde, Andrés Díaz, destaca que o PXOM, presentado nun formato DVD que contén catro tomos de documentación e centos de planos, pretende concluír un traballo que o Concello de Ponte Caldelas encargou ao equipo redactor ADIU SLP xa no ano 2000. O responsable da consultora, Carlos Rosón, foi o encargado da entrega por rexistro.
Díaz recalca que Ponte Caldelas necesita crecer no seu centro urbano, onde os polígonos existentes levan parados moitos anos, e tamén racionalizar uns núcleos rurais cuxa delimitación nas normas subsidiarias ten pouco que ver coa realidade física.
Ademais, subliñou que a presentación dun borrador de PXOM a un ano dunhas eleccións municipais é un novo "acto de valentía" deste goberno local "ben coñecido pola súa constante actividade para sacar adiante os asuntos estratéxicos para o futuro de Ponte Caldelas".
A Xunta de Galicia dispón agora dun prazo de tres meses para emitir o seu informe previo. Unha vez corrixido e adaptado o documento poderá ser aprobado inicialmente polo pleno. Entón será sometido a exposición ao público durante dous meses, resolveranse as alegacións e chegará a aprobación provisional polo Pleno. O PXOM será entón remitido novamente á Xunta de Galicia, que é a quen lle corresponde a aprobación definitiva.