Do estupor ao "cabreo". Así se transformaron os ánimos dos veciños de Ponte Caldelas, segundo manifestou o seu alcalde, Andrés Díaz, ante o "sacrilexio" que para eles supón o trasvase de auga proposto pola Xunta de Galicia entre o río Verdugo e o encoro de Eiras, que abastece principalmente a Vigo e aos concellos da súa área metropolitana.
Medio milleiro de persoas protagonizaron este domingo unha masiva manifestación polas rúas de Ponte Caldelas. Tras unha pancarta na que expresaban un rotundo "Non ao espolio do Verdugo", os caldeláns percorreron o camiño que separa a Alameda do municipio da praia fluvial da Calzada para mostrar o seu rexeitamento a calquer tipo de trasvase.
Os veciños deste municipio pontevedrés, segundo Andrés Díaz, están "preocupados" ante un trasvase do que "só sabemos polos medios de comunicación", algo que considera que é "gravísimo" e supón unha "falta de rigor tremenda".
"A día de hoxe" o goberno galego, do que depende Augas de Galicia, non lles explicou esta operación, polo que "seguimos sen saber realmente que é o que pretenden facer no río", lamenta o rexedor socialista, que encabezou a marcha xunto aos seus socios no goberno municipal, o BNG e a AVP.
Ante un trasvase deste tipo, Díaz demanda unha valoración e un estudo de impacto ambiental para coñecer cal sería a "afectación" a Ponte Caldelas e que, segundo o concello, sería "importante" ao ser un dos seus principais recursos hidrolóxicos.
"Parécenos tentar vestir un santo para desvestir a outro", denunciou o alcalde, algo que lle parece que "non é correcto nin tolerable"
A auga do río Verdugo é un "recurso natural moi valioso" para Ponte Caldelas, engadiu o alcalde, xa que "temos que tirar dela de cando en vez" para o abastecemento do municipio e "o será aínda máis", dixo, ao estar a se secar os mananciais dos que se fornecen moitas parroquias do rural.
"Parécenos tentar vestir un santo para desvestir a outro", denunciou o alcalde, algo que lle parece que "non é correcto nin tolerable".
Ademais, Díaz alertou dos efectos que este trasvase tería sobre o sector turístico de Ponte Caldelas, xa que as obras para trasladar a auga ao encoro de Eiras afectaría á "famosa zona" dos barrancos do Verdugo e supoñería un "impacto forte" sobre a praia da Calzada, o único areal fluvial de España que ten bandeira azul.
O goberno municipal estudará "entre mañá e pasado" as posibles acciones legais que se poidan tomar para frear o trasvase, aínda que Díaz teme que a Xunta de Galicia poida "pasar por encima" das competencias municipais e declare a incidencia supramunicipal desta operación.
O portavoz da Plataforma pola Defensa do Río Verdugo, Fernando Malvar, criticou a "ausencia" de estudos ambientais dun trasvase ante o que "hai moitas cousas que facer antes que medidas ás toas".
Se ao Verdugo, como está previsto, "quítaselle un terzo da auga", advertiu o portavoz da plataforma, producirase unha afectación "moi grande" en todo o ecosistema do río e nos bancos marisqueiros de Soutomaior e Ponte Sampaio, na ría de Vigo.
Malvar aposta por unha mellor xestión das concas dos ríos Verdugo e Oitavén e por ser "previsores" ante as épocas de seca e, como "alternativas" á "sede puntual" que existe en Vigo propón a chegada de barcos con auga, a construción dunha planta desalgadora, un plan para corrixir as perdas que se producen no traslado da auga ou unha redución do consumo nos fogares e as empresas.