Ponte Caldelas está, desde este domingo, en "máxima alerta" polos incendios. Así o anunciou a través do seu Facebook o alcalde, Andrés Díaz, que pediu a todos os veciños que "extremen a precaución".
Segundo fixo público o rexedor, "en menos dunha hora" prenderon lumes en Chain, Regodobargo, Silvoso, A Insua e Tourón "ao lado das casas".
O concello dispón de coche bomba e un alxibe que está operativo. A situación supera aos efectivos de emerxencias polo que Andrés Díaz pediu a "máxima colaboración veciñal".
En Silvoso, á altura do cemiterio, está cortada a estrada que comunica co municipio veciño de Soutomaior.
Tras varias horas loitando contra o lume, á unha da madrugada, o lume avanza cara a Barbudo e Rebordelo. Segundo o alcalde, o peor na zona de Regodobargo, A Insua, A Roca e Silvoso "xa pasou", aínda que se manterá a alerta. Asegura que "tamén estamos moi preocupados" pola zona de Caldelas e por Gradín, Paradela, Tourón e Parada.
"Estamos completamente desbordados", denuncia o alcalde, que lamenta que o servizo do 112 Galicia "non colle o teléfono e non mandaron a ninguén", polo que advirte que "estamos completamente sós".
Unhas cincuenta persoas, principalmente maiores e nenos das zonas de Parada, Gradín, Silvoso e A Insua, foron acollidas primeiro no pavillón municipal e posteriormente trasladados á Casa dá Cultura, onde están a ser atendidos por persoal municipal.