O Concello de Vigo e a entidade pública Augas de Galicia recibirán nos próximos días sendos recursos de anulación dende os concellos de Ponte Caldelas e Soutomaior contra o texto do convenio interadministrativo que ambas partes están negociando para executar as obras do trasvase dende o río Verdugo ao tubo de abastecemento do sistema de Eiras-Oitavén.
Así o acordaron este luns nunha xuntanza de traballo os alcaldes Andrés Díaz e Agustín Reguera, que, como directamente afectados por esta obra, están a compartir iniciativas para freala, non só coa organización e participación en mobilizacións, senón e sobre todo, no eido legal, onde, entenden, a resposta pode ser "máis efectiva". Ambos alcaldes subliñaron que estamos diante dun tema que é unha "salvaxada ambiental", toda vez que se pretende executar sen informes de impacto nin sobre o río nin sobre os bancos marisqueiros, e dunha intromisión intolerable na autonomía municipal.
O prazo de interposición do recurso contra o convenio, que xa foi aprobado polo Concello de Vigo, pero non consta que teña aínda aprobación de Augas de Galicia, remata o 28 de febreiro, pero será interposto por analoxía co recurso administrativo de reposición antes do 28 deste mes de xaneiro ao efecto de evitar calquera posibilidade de inadmisión por extemporaneidade.
Os dous concellos afectados dispoñen xa dun primeiro informe legal e teñen aos seus asesores traballando na redacción final, aínda que teñen intención de esgotar o prazo coa esperanza de acceder previamente ao texto do convenio.
Os alcaldes de Ponte Caldelas e Soutomaior subliñan que este recurso previo de anulación do convenio é a primeira actuación legal contra o Concello de Vigo e Augas de Galicia, pero non será a última, porque se o Consello da Xunta de Galicia adopta algunha resolución que dea viabilidade á obra se interporá inmediatamente un recurso contencioso-administrativo, desta volta xa diante dos xulgados competentes por razón da materia e do territorio.
Díaz e Reguera lamentaron o "apagón informativo" sobre este asunto, "pois, a día de hoxe, non só non nos facilitan o convenio, senón que nin sequera temos constancia oficial sobre se está asinado polas partes, aínda que sospeitamos que non".
Non obstante, segundo declaracións do alcalde de Vigo, ese convenio tería unha vixencia de dous anos "o que demostra claramente que xa non estamos diante dunha obra de emerxencia, algo que, por certo, xa tiña recoñecido publicamente o director de Augas de Galicia, xunto coa inutilidade do trasvase para solucionar os problemas existentes a medio e longo prazo".
O alcalde de Ponte Caldelas lembra que este concello tamén reclamou formalmente de Augas de Galicia a revocación da declaración da emerxencia da obra hai un mes, sen recibir resposta. Ao mesmo tempo, presentou unha solicitude de información diante da Subdelegación do Goberno para coñecer os motivos polos que a Garda Civil e a Policía Autonómica escoltaron aos topógrafos que tomaron medicións neste municipio, invadindo propiedades públicas e privadas. Doutra volta máis, sen resposta.