Os alcaldes de Ponte Caldelas e Soutomaior, Andrés Diaz e Agustín Reguera, insistiron este venres ante Augas de Galica en que manteñen a súa oposición á obra de transvasamento do río Verdugo para abastecer o encoro de Eiras e anunciaron a presentación dun recurso previo contra o texto do convenio e, posteriormente, recursos contenciosos contra todo acordo administrativo que adopte a Xunta de Galicia, como administración competente, para facer avanzar o expediente.
Os rexedores fixeron estas afirmacións durante a xuntanza celebrada este venres en Santiago de Compostela entre o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, e representantes dos concellos de Ponte Caldelas, Soutomaior e Vigo.
Ao remate do encontro, Andrés Diaz valorou que a xuntanza serviu para confirmar que Augas de Galicia revogou a declaración de emerxencia coa que amparaba as obras do transvasamento do río Verdugo, atendendo así á solicitude do Concello de Ponte Caldelas.
Á xuntanza asistiron os alcaldes de Ponte Caldelas e Soutomaior e o concelleiro de Fomento de Vigo, David Regades. O director de Augas de Galicia indicoulles a todos que "o consenso resulta imprescindible", segundo informou o Concello de Ponte Caldelas.
Durante a xuntanza tamén quedou claro que a Xunta de Galicia non asinou o convenio, como si fixo o Concello de Vigo o pasado mes de decembro, e tampouco quedou claro que o vaia facer. A este respecto, o alcalde de Ponte Caldelas explica que o convenio é xa inválido en si mesmo, porque está fundamentado xuridicamente, entre outras cousas, nunha declaración de obra de emerxencia que hoxe é imposible soster legalmente.
Na súa intervención, Andrés Díaz defendeu a autonomía local de Ponte Caldelas e reiterou os argumentos sobre o impacto ambiental dunha obra que suporía retirar 350 litros ao segundo dun río que chegou a baixar cun caudal de 800 litros ao segundo. Tamén valorou que Augas de Galicia renuncie á emerxencia e indicou que ten a impresión de que o transvasamento xa non se vai executar.
"Ao decaer a declaración de emerxencia, todo o que se fixo ata o de agora non vale para nada e volvemos ao punto de partida, cun calendario inconcreto e coa esixencia previa dun consenso que non se vai dar", indicou.