Os alcaldes de Ponte Caldelas, Andrés Díaz (PSOE), e Soutomaior, Agustín Reguera (PP), celebraron este mércores a primeira xuntanza dos alcaldes directamente afectados polo proxecto de transvasamento da auga do río Verdugo ao encoro de Eiras que promove a Xunta de Galicia coa colaboración do Concello de Vigo.
Nunha xuntanza celebrada en Soutomaior, os rexedores coincidiron na necesidade de superar partidismos ou protagonismos de ningunha forza política, "pois trátase dun asunto transversal á política e que só debe discutirse en base a criterios de avaliación ambiental, de repercusión sobre os sectores produtivos e tamén sobre o dano á imaxe turística e patrimonial ao actuarse sobre o río que é sinal de identidade de ámbolos dous concellos", sinalou o concello de Ponte Caldelas nun comunicado.
Ámbolos dous concellos xa aprobaron declaracións de rexeitamento ao transvasamento dende o Verdugo. Ao mesmo tempo, coincidiron na necesidade de que máis municipios vaian adoptando acordos plenarios que recollan unha postura común de todos os grupos políticos.
Na xuntanza destacaron a coincidencia nos argumentos xurídicos e acordaron compartir información para enfocar a resposta administrativa contra as medidas adoptadas por Augas de Galicia para declarar como obra de emerxencia o pretendido transvasamento dende A Roca (Ponte Caldelas) para retirar uns 350 litros/segundo ao río Verdugo en situacións de seca, o que supón, na práctica, case a metade do caudal circulante.
Díaz e Reguera subliñaron que o Consello da Xunta de Galicia dispón de dous meses para convalidar a declaración de emerxencia e declarar a obra como de utilidade para a comunidade autónoma, iniciando así o expediente. Será nese momento, e unha vez publicados os acordos no DOG, cando os concellos de Ponte Caldelas e Soutomaior acudirán aos xulgados do contencioso.
Os recursos estarán baseados, ademais da improcedencia da emerxencia, na carencia de estudos de impacto ambiental, na falta de petición de informes de compabilidade aos concellos e na falta de xustificación para ocupar os terreos afectados sen as garantías ordinarias do procedemento expropiatorio.
Ambos concellos opóñense tamén á sinatura dun convenio interadministrativo entre Augas de Galicia e o Concello de Vigo para o financiamento dunhas obras que abranguen 7 quilómetros do territorio de Ponte Caldelas e Soutomaior e lembran que o convenio debe ser publicado e tamén pode ser obxecto de actuacións xudiciais.
Finalmente, os dous alcaldes anuncian a súa intención de participar en cantas xuntanzas e mobilizacións se acorden no futuro para expresar o seu rexeitamento a unha obra que consideran lesiva para os seus municipios, partindo sempre da base de que a loita debe ser apartidista e de que os dous concellos non van renunciar ao seu papel institucional.
Neste senso, o alcalde Andrés Díaz xa anticipou ao seu homólogo de Soutomaior a súa intención de participar na mobilización convocada para este sábado en Arcade.