Ponte Caldelas e Pontevedra, en garda ante a "barbaridade" dun novo parque eólico na Fracha

Pontevedra
13 de abril 2023

O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a resolución pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública do parque eólico Serra da Fracha, situado nos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra

Aeroxenerador
Aeroxenerador / Diego Torrado

O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a resolución pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública do parque eólico Serra da Fracha, situado nos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra.

A empresa promotora é Eólica Santa Teresa, S.L.U., que proxecta construir unha instalación cunha potencia total de 8,4 MW en dous aeroxeradores de 150 metros de diámetro de rotor e 105 metros de altura de buxa e cunha produción neta prevista é de 27.824 MWh/ano. Ademáis inclúe unha torre meteorolóxica de 107 metros de altura.

O orzamento total, de execución material, é de 7,3 millóns de euros.

Todas aquelas persoas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos podean presentar alegacións no prazo de trinta días.

A maior parte dos terreos afectados pertencen ás comunidades de montes de Baltar e A Reigosa, en Ponte Caldelas, pero a instalación tamén afecta ao municipio de Pontevedra.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, manifestou que "dende o Concello emitiremos informes desfavorables do arquitecto municipal e da técnica de medio ambiente".

"Chegaremos ao Tribunal Europeo se fai falta para parar esta barbaridade que sólo da beneficios ás grandes eléctricas", engade o rexidor, "defenderemos Ponte Caldelas diante da administración ou da gran empresa que corresponda".

O Concello de Ponte Caldelas ten xa a disposición dos veciños o modelo de alegación a este parque eólico.

Entre os bens e dereitos afectados atópanse seis parcelas da Comunidade de Montes de Baltar e outras seis da Comunidade de Montes de A Reigosa. 

Pola súa banda, os técnicos municipais de Urbanismo e Medio Ambiente están xa a traballar nos informes municipais, determinantes á hora de ir a un proceso xudicial contra a implantación deste parque.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, considera importante que a veciñanza asine e presente "masivamente" alegacións para "frear este parque eólico" que, "ademais de arrasar cun dos lugares máis emblemáticos do noso municipio, podería provocar consecuencias a longo prazo para a veciñanza dos lugares próximos á Fracha".

Engade Andrés Díaz que a realización dunhas obras de tal magnitude "poden afectar aos acuíferos, ás traídas de augas veciñais, e ó rico patrimonio natural e cultural que existe na zona, como está xa a acontecer cos traballos de construcción de parques eólicos en municipios próximos".

Ademais, a longo prazo, o parque eólico "podería afectar á veciñanza polo ruído continuado, o efecto discoteca, o efecto sombra ou a perda de valor dos terreos que quedan dentro da poligonal do parque, entre outras cuestións".

Arquivado en