A Policía Local de Ponte Caldelas denunciou o roubo de parte do peche perimetral da 'Pedra do Cervo', conxunto arqueolóxico situado no monte comunal de Pé da Múa, en Cuñas.
Trátase dun elemento de arte rupestre de gran valor e que foi recentemente obxecto dunha actuación de recuperación e conservación coordinada entre Concello e Deputación.
Segundo informa o goberno local, o roubo consistiu na rotura e subtracción da corda que unía o valado que serve de delimitación do ámbito arqueolóxico. Ademais desprazáronse do seu lugar varias das estacas de madeira que compoñen o peche.
Debido a este feito delituoso o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, solicitou ás forzas de orde pública redobrar a vixilancia na zona para intentar que non se volvan producir feitos similares.
A 'Pedra do Cervo' é un conxunto rupestre cualificado de singular por contar cunha das pezas de cervo máis grande das que se conservan en Galicia.