Ponte Caldelas dá voz no 8M a mulleres que racharon cos tópicos laborais

Ponte Caldelas
09 de marzo 2019

Unha Casa da Cultura a rebordar de xente acolleu o acto institucional organizado polo Concello de Ponte Caldelas para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no que quixo dar voz a mulleres que lograron rachar cos tópicos laborais

Conmemoración do 8M en Ponte Caldelas
Conmemoración do 8M en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Unha Casa da Cultura a rebordar de xente acolleu o acto institucional organizado polo Concello de Ponte Caldelas para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no que quixo dar voz a mulleres que lograron rachar cos tópicos laborais.

O evento comezou coa intervención da concelleira Pilar Couto, quen definiu a igualdade como un valor esencial nunha sociedade xusta. Subliñou que aínda queda  camiño que percorrer e animou a buscar exemplo nas mulleres que ao longo da historia contribuíron a avanzar.

A parte central do acto, que levaba por nome Voces de Mulleres, foi un coloquio moderado por Elvira Crespo.

Nel, participaron Amelia Gamero (funcionaria da administración do Estado xubilada e activista social), Cristina Santoro (xogadora de fútbol e militar profesional), Sofía Baqueiro (arqueóloga), María Tubío (directora da fábrica Nefab), Irene Baqueiro (condutora de autobús) e Ángeles (Lita), hostaleira local moi coñecida.

Todas elas expuxeron as súas traxectorias persoais e profesionais, dende as que contribuíron a rachar tópicos e roles sexistas.

A responsable da biblioteca municipal fixo unha intervención sobre os fondos existentes e desvelou que un 70% dos títulos están escritos por homes, pero, en cambio, un 70% das lectoras que acoden á biblioteca son mulleres.

Despois dun repaso pola historia das mulleres que tiveron que escribir con pseudónimo, tivo tamén unha especial dedicatoria para o Pai Sarmiento, quen xa no século XVIII asinaba textos claramente feministas e a prol da igualdade.

O acto institucional caldelán concluíu coa intervención musical de Manoele de Felisa e dun grupo local feminino de batucada organizado para a ocasión.