Ponte Caldelas dá comezo ás Festas das Dores rexeitando calquera expresión de violencia machista

Ponte Caldelas
24 de agosto 2018

"Se non me respectas, non me interesas", lema do Concello que, ademais, súmase á campaña da Deputación

Pancarta contra o sexismo
Pancarta contra o sexismo /

Unhas Festas das Dores, libres de calquera indicio de violencia machista é o obxectivo do Concello de Ponte Caldelas ao comezo destes días nos que a vila do Verdugo ferve de actividade.

O Goberno local decidiu sumarse á campaña da Deputación Provincial para difundir información entre o público que participará nos multitudinarios actos que se celebran estes días. Ao mesmo tempo, optou por reforzar a campaña coa colocación de catro pancartas na Alameda, onde se celebran a totalidade dos actos. Os carteis levan o lema "Se non me respectas, non me interesas", xunto cos números de atención permanente da Garda Civil (062) e Emerxencias Galicia (112).

O Concello disporá así dun "punto lila" na Casa da Cultura onde se facilitará información e, ao mesmo tempo, repartirá material o promocional da Deputación, como sombreiros, adhesivos e trípticos con mensaxes clave.

O operativo prestará especial atención aos eventos nos que se prevé unha maior afluencia de público novo. En concreto, na noite deste venres, durante o festival de música electrolatina Caldelas Xoven, e tamén durante os principais reclamos musicais das festas, que coinciden coas actuacións das orquestras París de Noia (noite do domingo) e o Combo Dominicano (gran verbena de clausura, ata as 8 da mañá, do próximo martes).