Como xa fixo nos anos 2017 e 2018 ante o proxecto de transvasamento que se pretendía no río Verdugo, o Concello de Ponte Caldelas volverá amosar na rúa a súa oposición á proposta de construción dunha presa en Forzáns e un transvasamento de auga no Verdugo, augas abaixo do municipio.
Así, o Concello acaba de convocar unha manifestación para amosar o rexeitamento. A mobilización terá lugar o domingo 8 de maio e partirá ás 12.00 horas do Concello.
O Concello de Ponte Caldelas solicitou por escrito á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a remisión do estudo de alternativas para mellorar o abastecemento a Vigo e zona sur de Pontevedra para poder coñecer de primeira man en que consisten todas as propostas que nel se plantexan.
Aínda que non hai un proxecto firme e o que se está a manexar é un estudo, o alcalde, Andrés Díaz, amosou xa o seu rexeitamento total a este conxunto de propostas e este venres sinalou, a través dun comunicado, que na manifestación do domingo 8 quedará plasmado tamén o rexeitamento social da veciñanza de Ponte Caldelas.
Ademais, Andrés Diaz agarda que a Xunta de Galicia non autorice ningunha destas actuacións, que considera "barbaridades ambientais", e avisa de que, en caso de que sigan adiante, o Concello de Ponte Caldelas irá á vía xudicial.
O rexedor tamén solicitou xa unha reunión con Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e, segundo todos os prognósticos, futuro presidente, así como coa directora de Augas de Galicia. O seu obxectivo é coñecer de primeira man "se tanto a Xunta como Augas de Galicia, que son a autoridade competente, están dispostos a autorizar estas dúas barbaridades ambientais que se plantexan e que afectan directamente a Ponte Caldelas".
A presa e o transvasamento forman parte dun proceso para buscar unha solución aos problemas de seca no Concello de Vigo e dos concellos que tamén ‘beben’ do Encoro de Eiras: Redondela, Cangas, Moaña, Nigrán, O Porriño, Mos, Gondomar, Baiona, Salceda de Caselas y Soutomaior.
O alcalde de Ponte Caldelas quixo lembrarlle ao seu homólogo de Vigo, Abel Caballero, do seu mesmo partido, o PSOE, que en 2017 Ponte Caldelas xa freou o transvasamento que pretendían facer no río Verdugo e esíxelle que busque alternativas ao problema da auga en Vigo e nos 12 concellos da súa área metropolitana "sen tocar o Río Verdugo e sen ocorrencias como o feito de construír encoros en pleno século XXI".