Ponte Caldelas consumiu 100.000 litros de auga para loitar contra os lumes

Ponte Caldelas
19 de outubro 2017

O Concello de Ponte Caldelas vai afrontar o gasto da compra de máis de 3,5 quilómetros de mangueiras de goma para repoñer as traídas de augas veciñais

Mangueiras de subministración de auga queimadas polos incendios en Ponte Caldelas
Mangueiras de subministración de auga queimadas polos incendios en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas enfróntase aos problemas de abastecemento de auga derivados dos incendios do domingo neste municipio. Despois de celebrar un encontro coas comunidades de augas autorizaba o pago e subministración urxente de máis de 3,5 quilómetros de tubo de goma para a reposición completa de todas as traídas veciñais.

Regodobargo, Gradín e A Roca atópanse aínda sen auga. O goberno local espera que antes da fin de semana queden resoltas as incidencias. Durante estes días logrouse ir recuperando, a distintos niveis, o servizo en Cuñas, Chaín e A Insua. 

O Concello encargarase de cubrir os gastos da subministración das mangueiras, empalmes e accesorios, co obxectivo de axudar os veciños afectados.

Grazas ás choivas destes últimos días, os mananciais recuperaron a auga despois da longa etapa de seca que xa fora causante de cortes parciais na subministración. 

O goberno local calcula que durante a xornada do domingo e o luns utilizáronse máis de 80.000 litros de auga para o funcionamento das motobombas coas que se fixo fronte ao lume e os dous alxibes de reabastecimiento, un deles municipal e outro cedido pola empresa Caldevergazo. A esta cantidade de auga hai que sumar a que empregaron os veciños para impedir o avance das lapas.

Durante o encontro mantido polo equipo de goberno cos veciños este mércores tratouse tamén o tema da preparación de documentación necesaria para solicitar as axudas autonómicas para a mellora das traídas e a posta en servizo de novas captacións.

Arquivado en