O balcón da Casa do Concello de Ponte Caldelas loce dende este venres a pancarta contra o trasvase do río Verdugo que encabezou a manifestación do pasado día 3.
"Non ao expolio do río Verdugo. Trasvase non. Natureza si" é o novo lema que pode lerse no edificio municipal en substitución da pancarta contra a "Cacicada da PO-234" que levaba presidindo o balcón dende o pasado mes de setembro de 2016.
O goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) asistiu ao acto de colocación da pancarta contra o trasvase que está a tramitar Augas de Galicia. Con este acto preténdese demostrar a firmeza do equipo municipal contra unha medida que segue cualificando como unha auténtica "salvaxada ambiental".
O Concello de Ponte Caldelas, que nos últimos días solicitou formalmente a revocación da declaración de emerxencia das obras do trasvase por parte de Augas de Galicia e tamén abriu expediente sancionador á empresa de topografía que ocupou terreos municipais e veciñais sen autorización, está tamén traballando na presentación, en canto o Consello da Xunta de Galicia ratifique os acordos de Augas de Galicia, dos recursos xudiciais na xurisdicción contencioso-administrativa, incluíndo a solicitude de paralización cautelar das obras.
O goberno caldelán manterá a pancarta ata que Augas de Galicia renuncie "a estas obras lesivas para o medio ambiente e tramitadas dun xeito hostil, escurantista e pasando por enriba da autonomía municipal".