Ponte Caldelas celebra este domingo a xornada solidaria cos damnificados polos incendios

Ponte Caldelas
09 de decembro 2017

Haberá unha exposición de artesáns todo o día, obradoiros para escolares, exhibición de zumba, taekwondo, muay thai e bailes de salón, ademais da actuación da Charanga Os Encerellados e polbo á feira na sesión vermú

Ponte Caldelas solidaria
Ponte Caldelas solidaria / Concello de Ponte Caldelas

O Pavillón de Deportes acolle este domingo 10 a 'Xornada Ponte Caldelas Solidaria', que organiza a coordinadora de asociacións e colectivos sociais do municipio. A proposta busca recadar fondos para os damnificados polos incendios do 15 de outubro.

Para obter fondos realizaranse poxas con produtos que foron doados polos comerciantes e serviranse comidas e sobremesas caseiras realizadas por veciños que quixeron poñer o seu granito de area neste acto.

Ademais haberá numerosas actividades ao longo de toda a xornada: exhibición de zumba, taekwondo, muay thai e bailes de salón, ademais de actuacións da Charanga Os Encerellados na sesión vermú. Haberá un pulpeiro e racións de fabada, callos, tortilla e diferentes tipos de empanadas.

Ademais, parte do pavillón será ocupada pola exposición permanente de artesáns, que ofrecerán os seus produtos ao público asistente. Todo o que se recade nesta xornada será ingresado na conta de Cáritas-Concello e irá destinado ás persoas que sufriron graves danos con motivo dos incendios.

A entrada ao pavillón será gratuíta e haberá actividades destinadas aos escolares que estarán relacionadas coa solidariedade, a eliminación de roles sexistas, a tolerancia e o traballo cooperativo.