A cuberto da chuvia. É o xeito no que Ponte Caldelas celebrou este martes o seu Entroido de Inverno. Unha gran festa de disfraces no local da discoteca foi a opción elixida.
A festa, que comezou ás 18 horas e contou coa animación musical do grupo 3.com, prolongouse ata ben entrada a noite, mentres fóra caía un forte temporal.
Xunto cun reparto gratuíto de filloas, o Concello repartiu bolsas de cotillón entre os asistentes.
A festa incluíu unha pasarela para os rapaces e rapazas que acudiron disfrazados e un photocall para que cada quen puidese levar un recordo do seu look.
O goberno municipal valora moi satisfactoriamente o resultado deste evento que xa non depende das condicións meteorolóxicas e non queda suxeito aos habituais aprazamentos doutros anos.
Ponte Caldelas leva xa tres anos desdobrando o Entroido de Inverno, consistente nunha festa de disfraces, e o desfile, con verbena a continuación, que se celebra na terceira fin de semana de xuño.