"Unha rectificación en toda regra". Así resume o Concello de Ponte Caldelas o "radical cambio de postura" da Consellería de Medio Ambiente sobre o transvasamento do río Verdugo na xuntanza mantida este mércores entre a conselleira, Beatriz Mato, e o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, para analizar as opcións de reforzo para o abastecemento a Vigo e a súa área.
O goberno local de Ponte Caldelas destaca que a Xunta, ata o de agora firme partidaria de transvasar dende o río Verdugo en contra do estudo técnico de Augas de Galicia elaborado no ano 2011, pasou onte a defender oficialmente o transvase dende o río Miño en liña co defendido nese estudo. Un documento que Augas de Galicia "agochou" durante meses ata que foi desvelado polo Concello de Ponte Caldelas o pasado mes de marzo.
O goberno caldelán asume como unha vitoria esta rectificación oficial da Consellería de Medio Ambiente, despois de case un ano de batalla administrativa e social contra a ocorrencia do transvasamento do río Verdugo.
"Foi un proxecto que se quixo tramitar pola vía de emerxencia, saltándose todas as garantías, e cuxa redacción, encargada ‘a dedo’ a unha consultora por Augas de Galicia, supuxo o malgasto de 150.000 euros". A cifra aparece recollida na documentación enviada pola Consellería de Medio Ambiente ao Concello de Ponte Caldelas.
Ponte Caldelas dá así por pechado un "conflito absurdo", que xurdiu hai case un ano e que conclúe cunha "clamorosa rectificación" da Consellería de Medio Ambiente, "cuxa titular demostrou ignorar ou pasar por alto, os estudos técnicos do seu propio departamento".