O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, quere promover unha fronte común de alcaldes contra a proposta de crear un encoro en Forzáns e facer un transvasamento de auga do río Verdugo para dar auga para o abastecemento de Vigo.
Así, o rexedor solicitará por carta aos 11 concellos que 'beben' do encoro de Eiras que digan 'NON' a este proxecto, que figura no 'Estudo para paliar a seca do concello de Vigo e a súa área metropolitana’.
Eses 11 concellos teñen rexedores de PP, PSOE, BNG, así como doutros partidos políticos, e Diaz pediralles que amosen o seu rexeitamento á "barbaridade ambiental" que considera que suporía a construción dun encoro en Forzáns e a realización dun transvasamento dende o Verdugo, augas abaixo de Ponte Caldelas, onde se unen os ríos Verdugo e Oitavén, xa no termo municipal de Soutomaior.
"Quero explicarlles os problemas de escaseza de auga que xa temos cada ano no noso municipio e o que suporía para o este pobo realizar un transvasamento do río Verdugo, augas abaixo de Ponte Caldelas", explica. Cada verán, Ponte Caldelas presenta importantes problemas se secas nas traídas veciñais que xestionan comunidades de usuarios.
O Goberno de Ponte Caldelas convocou para o domingo 8 de maio, ás 12 da mañá, unha manifestación diante da Casa do Concello e con percorrido polas rúas de Ponte Caldelas para amosar o rexeitamento de todo o pobo.
A manifestación será o domingo 8 de maio para darlle á Xunta de Galicia "marxe de tempo" para que reciba ao Concello e explique as decisións que van a tomar sobre estas propostas.
O alcalde de Ponte Caldelas indica que se Augas de Galicia e a Xunta de Galicia lle confirman que non executarán nin aprobarán estas propostas, desconvocarán a manifestación.