Ponte Caldelas busca unha fronte común con Pontevedra, A Lama e Soutomaior contra o trasvase do Verdugo

Pontevedra
13 de decembro 2017

Os concellos de Pontevedra, A Lama e Soutomaior están convocados este sábado 16 de decembro a unha reunión en Ponte Caldelas para abordar o proxecto de trasvase do río Verdugo para aportar auga ao encoro de Eiras, que abastece a área metropolitana de Vigo 

Os alcaldes de Pontevedra, Barro e Ponte Caldelas, na presentación do Gran Montecelo
Os alcaldes de Pontevedra, Barro e Ponte Caldelas, na presentación do Gran Montecelo / Mónica Patxot

Os concellos de Pontevedra, A Lama e Soutomaior están convocados este sábado 16 de decembro a unha reunión en Ponte Caldelas para abordar o proxecto de trasvase do río Verdugo para aportar auga ao encoro de Eiras, que abastece a área metropolitana de Vigo. 

A convocatoria parte do goberno local de Ponte Caldelas, que quere unir forzas cos outros tres concellos ao considerar que tamén están directamente afectados pola actuación proxectada e, desta maneira, crear unha loita comarcal contra o trasvase

Á reunión están convidados os alcaldes de Pontevedra, A Lama e Soutomaior, Miguel Anxo Fernández Lores, Jorge Canda e Agustín Reguera. Pretende abordar o asunto dende un punto de vista social e sen protagonismos para ningunha forza política, de modo que está tamén aberta a colectivos ambientalistas, así como veciñais e empresariais relacionados co marisqueo e a pesca (deportiva ou comercial) que queiran acudir e están convocados todos os portavoces dos grupos políticos nos distintos concellos, en especial os das distintas agrupacións locais do PP. 

A convocatoria é o sábado ás 20.00 horas e buscará consensuar actuacións conxuntas comezando polas mobilizacións sociais. Barállase convocar xa unha primeira concentración o venres 22 de diciembre ás 20.00 horas diante da sede de Augas de Galicia en Vigo e, a partir de xaneiro, outras diante das sedes da Xunta de Galicia en Pontevedra e en Santiago de Compostela.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, tamén segue coas súas xestións ante a Xunta contra o trasvase. Este mércorles enviou unha carta ao director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, solicitándolle copia do acordo polo que se aprobou provisionalmente a declaración de emerxencia para as obras e de calquera acordo en relación a un hipotético convenio co Concello de Vigo para a execución das obras.

Ademais, solicítalle a revocación inmediata da declaración de emerxencia, toda vez que considera que non se dan nin as condicións materiais nin administrativas que xustifiquen esa resolución. 

Arquivado en