Ponte Caldelas aumenta un 20% a contía dos premios do desfile de Entroido

Ponte Caldelas
12 de febreiro 2015

O desfile será o venres 27 de febreiro a partir das 21.00 horas, de modo que será a cita que poñerá o peche final ás principais actividades festivas do Entroido na comarca de Pontevedra e pretende congregar ao maior número de comparsas, grupos e charangas dos últimos tempos

Desfile do entroido en Ponte Caldelas
Desfile do entroido en Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas decidiu este ano aumentar o efecto chamada do seu tradicional desfile de comparsas, grupos e disfraces incrementando un 20% a dotación económica dos premios. Alcanzarán nesta edición un montante total de 3.000 euros.

O gañador do concurso de comparsas recibirá 1.000 euros; o segundo, 600; e o terceiro, 380 euros. En canto aos grupos, o gañador levarase 300 euros; o segundo, 250; e o terceiro, 200 euros. En categoría individual/parellas, terá unha dotación económica de 100 euros para o primeiro, 70 para o segundo e 50 para o terceiro. En canto a comparsa infantil haberá un único premio dotado con 50 euros.

O desfile terá lugar o venres 27 de febreiro a partir das 21.00 horas, de modo que será a cita que poñerá o peche final ás principais actividades festivas do Entroido na comarca de Pontevedra e pretende congregar o maior número de comparsas, grupos e charangas dos últimos tempos.

Este ano tamén se celebrará un festival infantil para todos os nenos que queiran acudir disfrazados o martes 17 de febreiro, a partir das 17.00 horas na Alameda. En caso de que as condicións metereolóxicas impidan o seu normal desenvolvemento neste lugar, a festa trasladarase ao salón de actos do Colexio Cordo Boullosa.

Todas aquelas persoas, grupos e comparsas que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas, cubrindo un impreso normalizado facilitado a tal efecto antes do xoves 26 de febreiro. O impreso pode ser descargado dende a páxina web www.pontecaldelas.org e deberá ser presentado na Casa do Concello ou por fax (986 75 00 20).

Arquivado en