Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no concurso e desfile de entroido que terá lugar en Ponte Caldelas o vindeiro venres 19 de febreiro, a partir das nove da noite.
O desfile partirá desde as inmediacións do pavillón municipal de deportes, en Chan da Barcia, e tras percorrer as principais rúas do centro urbano de Ponte Caldelas finalizará na Alameda onde terá lugar a entrega de premios, que estará amenizada por unha gran verbena popular a cargo dunha orquestra.
Este ano como novidade o equipo de goberno decidiu aumentar un 36% a contía económica destinada a premios e pasar de tres a cinco os premios nas categorías de comparsas e grupos, coa intención de que o xurado poida ampliar o número de galardóns e compensacións económicas aos participantes.
Os premios do desfile aos que se poderán optar son os de comparsas (primeiro premio de 1.000 euros; o segundo de 600; o terceiro de 450 euros; o cuarto, 400 e o quinto, 350 euros), grupos (o primeiro levará 300 euros; o segundo, 250; o terceiro, 200 euros; o cuarto, 150 euros e o quinto, 120 euros), disfraz individual/parellas (primeiro premio 100 euros, segundo 70 euros e terceiro 50 euros) e comparsa infantil que recibirá 50 euros.
As comparsas terán un mínimo de 15 participantes e poderán estar acompañadas de carroza, valorándose que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais e interpretarán as súas composicións e pasacalles de entroido. Deberán tamén gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación.
En canto aos grupos que poden participar no concurso e o desfile de entroido en Ponte Caldelas deberán estar formados por un mínimo de 5 integrantes, poderán ir acompañados de carroza e terán tamén que gardar unha unidade temática.
Polo que respecta os disfraces individuais ou parellas que entren en concurso valoraráselles a súa orixinalidade e dificultade na súa elaboración así como o bo humor desenvolvido polos participantes.
Todas aquelas persoas, grupos e comparsas que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas, cubrindo un impreso normalizado facilitado para ese efecto antes do xoves 18 de febreiro.
O impreso pode ser descargado desde a páxina web www.pontecaldelas.org e deberá ser presentado no Consistorio ou por fax (986 75 00 20).