Os amantes das motos terán que esperar unha semana máis para reunirse en Ponte Caldelas. A oitava Xuntanza Moteira que se organiza no municipio, prevista inicialmente para este sábado 27 de abril, foi aprazada ata o 4 de maio polo mal tempo.
Así o confirmaron os organizadores do evento, o Motoclub Redondela e o Concello de Ponte Caldelas, que avanzaron que o programa non sufrirá cambios nesta nova data.
Esta reunión moteira comezará ás tres da tarde coa apertura do recinto, que estará situado na Alameda de Ponte Caldelas, e coa animación musical de DJ Rubin.
Ás 17:30 será o tradicional roteiro moteiro pola comarca, tras o cal haberá unha degustación gastronómica para todos os participantes e, a partir das sete e media da tarde, unha exhibición de freestyle a cargo de Rui Armada.
A recta final do evento arrancará ás nove e media da noite cunha gran mexillonada gratis para os asistentes e, por último, ás 22:30 horas DJ Rubin volverá amenizar a xornada con música ata que o corpo aguante.