O pleno do Concello de Ponte Caldelas estudará este próximo xoves, día 30, unha moción presentada polo grupo de goberno, formado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, para solicitar da Xunta de Galicia o inicio dos trámites para declarar como Patrimonio da Humanidade os gravados rupestres de Tourón.
O acordo, que sairá adiante ao contar xa coa maioría, insiste tamén en reiterar a moción aprobada en xullo pasado para seguir reclamando da Xunta de Galicia a colaboración técnica e económica necesaria para a conservación, posta en valor e difusión da Área Arqueolóxica de Tourón, como un dos espazos máis relevantes do patrimonio rupestre galego.
O Concello de Ponte Caldelas láiase de que "a Xunta non ten achegado un só euro ao longo deste mandato municipal para a preservación deste espazo".
O goberno local "viuse obrigado" a reservar unha partida de 4.000 euros para a limpeza da broza que crece nesta área e está a tramitar axudas noutras institucións para a substitución dun valado que leva varios anos deteriorado.
Na actualidade, estas insculturas son BIC (Bens de Interese Cultural) e, en consecuencia, gozan do máximo grao de protección.