O Concello de Ponte Caldelas dá a voz de alerta sobre a exigua documentación existente sobre os plans da Xunta de Galicia para a execución do trasvase do río Verdugo. Son apenas catro folios e un plano cunha única liña indicando o trazado da tubaxe proposta entre a canle de Laforet en A Roca (Ponte Caldelas) e o enganche na tubaxe da auga de Vigo, en Aranza (Soutomaior), pasando no camiño polo medio dos pobos da Insua e Silvoso.
O goberno local está "indignado" coa negativa de Augas de Galicia a sentarse a falar co Concello de Ponte Caldelas "nunha mostra de descortesía institucional indigna dun goberno autonómico democrático". Diante desta actitude, o alcalde remitiu este luns unha nova carta ao director de Augas, advertíndolle da posibilidade de atoparse con actuacións legais.
Ademais, o alcalde Andrés Díaz critica que Augas de Galicia defenda esta obra como de emerxencia "o que permitiría a contratación a dedo e sen licitación" e dubida da legalidade deste procedemento concreto. A memoria remitida indica que a previsión é traballar a turnos de 24 horas para rematala en tres meses, co que, no mellor dos casos, estaría rematada en marzo, ou mesmo en abril ou maio. "Cal é a emerxencia de trasvasar en marzo, abril ou maio, cando xa non fai falta?", pregúntase o alcalde.
"Queda claro que non hai nin proxecto técnico nin estudo de impacto ambiental"
A precariedade da memoria existente, "na que queda claro que non hai nin proxecto técnico nin estudo de impacto ambiental", tan só permite concretar que a Xunta de Galicia pretende meter unha tubaxe de 500 milímetros durante 6,675 quilómetros cun bombeo inicial e utilizar a estrada autonómica PO-244 cruzando pola Roca, A Insua e Silvoso, ata entrar en Soutomaior. A tubaxe abandoa a estrada para dividir en dous Aranza, e conectar finalmente no tubo de subministro que une o encoro de Eiras coa estación potabilizadora de Vigo.
O alcalde de Ponte Caldelas reprocha á Xunta de Galicia que prevea afectar á estrada autonómica PO-244, cunha forte presión residencial, durante case toda a primavera, "causando restricións de tráfico e serias molestias á veciñanza". Máis aínda, "sen facer pública a relación de terreos a expropiar nun concello como Ponte Caldelas no que, precisamente, se nega a facer obras de seguridade viaria noutras estradas autonómicas, como a PO-234".
Outra "circunstancia paradoxal" é que a tubaxe cruzaría A Insua, afectada por fortes restricións de auga dende hai meses, así como Silvoso. Máis aínda, a canle de Laforet parte dunha antiga canle de rego compartida polos veciños de Silvoso e A Insua, "unha infraestrutura tradicional que podería ser modernizada e utilizada para paliar os problemas de abastecemento que temos nestas zonas do municipio".
O alcalde denuncia que a Xunta de Galicia pretenda autorizar esta obra polo instrumento da incidencia supramunicipal, pasando por enriba das competencias urbanísticas do Concello de Ponte Caldelas e tamén de calquera avaliación ambiental. De feito, dos 5,5 millóns de euros previstos, só hai unha partida de 45.000 euros para seguemento ambiental dos movementos de terras e xestión de residuos.