O Concello de Ponte Caldelas vén de remitir un escrito a Augas de Galicia solicitando copia do estudo técnico realizado pola consultora Egis Eyser no ano 2011 para garantir o abastecemento a longo prazo a área urbana de Vigo.
O traballo baralla todas as alternativas existentes para acabar descartando o trasvase dende o río Verdugo, tanto pola insuficiencia do caudal como polo impacto ecolóxico, para acabar recomendando o abastecemento dende o Miño.
O goberno local agarda que o ente autonómico, dependente da Consellería de Medio Ambiente, non poña reparos á entrega dunha documentación que considera "crucial", no só para informar á sociedade, senón tamén para utilizar no recurso xudicial que o Concello presentará en canto Augas de Galicia aprobe algunha resolución administrativa susceptible de ser impugnada en vía contenciosa.
O alcalde, Andrés Díaz, destaca que "o director de Augas, Roberto Rodríguez, minte" cando di que non hai alternativas ao trasvase do Verdugo "porque agocha nun caixón un estudo encargado polo propio ente que dirixe e no que se barallaron todas as posibilidades técnicas, para concluír que facelo dende o Verdugo non é unha solución, senón un parche". O alcalde engade que considera unha falta de respecto que Augas de Galicia teña instado aos concellos a propoñer alternativas cando xa estaban analizadas por unha prestixiosa consultora a partir de criterios puramente técnicos.
O estudo de 2011 propón un trasvase dende o río Miño, augas arriba de Guillarei, ata o encoro de Zamáns e de aí á potabilizadora do Casal, proporcionando un caudal estable mínimo duns 800 litros por segundo durante todo o ano (máis do dobre dos 350 litros/segundo que estarían dispoñibles no Verdugo e só durante algúns meses de inverno nos períodos de seca).
Segundo os datos achegados por técnicos independentes que están a colaborar co Concello de Ponte Caldelas, a análise da consultora Egis Eyser concluía que trasvasar dende o Verdugo non achega unha solución viable para o abastecemento da área de Vigo. O seu caudal é insuficiente durante gran parte do ano, como queda demostrado nas series históricas.
O estudo engade que, diante destes condicionantes, só sería viable realizando un encoro ben augas arriba de Ponte Caldelas, ben á altura da confluencia dos ríos Verdugo e Oitavén, xa en Soutomaior. O impacto ecolóxico, conclúe o traballo da consultora, desaconsella unha solución tan agresiva.
Andrés Díaz recalca que "Augas de Galicia ocultou a existencia deste estudo durante as tres xuntanzas ás que convocou ao Concello de Ponte Caldelas". A primeira nun encontro bilateral, a segunda cos concellos de toda a área de Vigo e a terceira a tres bandas, cos concellos de Soutomaior e Vigo. Por tanto, considera que o director de Augas debe dar explicacións inmediatas, xunto coa conselleira de Medio Ambiente.