O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, desprazouse este luns, acompañado da Policía Local, ata un vial municipal no lugar da Roca no que unha empresa está a realizar as medicións topográficas de cara ao proxecto para o trasvase de auga do río Verdugo ao sistema de Eiras-Oitavén. Unha vez que comprobou que están a realizarse sobre propiedades municipais sen autorización, anunciou que o Concello abrirá un expediente sancionador.
O expediente estará inicialmente dirixido contra a empresa que está a realizar as medicións, peri oodería acabar directamente contra a Consellería de Medio Ambiente, unha vez constatada a identidade da Administración contratante desta empresa.
Ese expediente basearase na acta que levantou este luns a Policía Local, na que se constata a actividade e se identifica aos operarios que a realizan.
O Concello entende que se trata dun uso intensivo ou extraordinario das vías públicas municipais, de modo que a actividade está sometida a autorización do Concello. Ao respecto, explica que se fai unha utilización especial das estradas estacionando vehículos dun xeito intensivo, instalando aparellos e con persoas que ocupan a vía.
O alcalde comprobou que os operarios da empresa topográfica estaban acompañados dunha patrulla da Policía Autonómica, un feito que cualificou como "delirante" e indicativo do desnorte de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente "porque comprometer a funcionarios policiais a custodiar actuacións supostamente irregulares é impropio dunha Administración responsable".
Andrés Díaz entende que o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, tamén deberá dar conta deste feito na xuntanza convocada para este martes.
Na súa opinión, "non resulta admisible" que leve un mes falando nos medios de comunicación do trasvase dende o río Verdugo, o que implica tender 6,6 quilómetros dunha tubaxe por Ponte Caldelas, sen comunicar nada ao Concello, sen dispoñer de proxecto técnico, nin pedir licenza municipal, pero menos que agora envíe ás forzas de seguridade a "protexer" a unha empresa que ocupa propiedades municipais e privadas pola vía dos feitos".
Ao respecto, indicou que a xente de Ponte Caldelas é "pacífica e respectuosa" e só se limitou a dicirlle a estes operarios que non entraran nas súas fincas".
Por outra banda, o Concello indicou este luns que xa dispón dun extenso informe xurídico que sinala os posibles trámites administrativos para opoñerse a esta obra, carente a día de hoxe de proxecto técnico e de estudo de impacto ambiental, pero tamén as dúas opcións de dar a batalla nos xulgados do Contencioso, en función dos pasos que vaia dando a Xunta de Galicia.