Ponte Caldelas abre o prazo para solicitar permisos para as fogueiras de San Xoán e San Pedro

Ponte Caldelas
31 de maio 2017

As persoas e colectivos interesados teñen de prazo ata o próximo día 19 de xuño

Noite de San Xoán
Noite de San Xoán / Diego Torrado

O prazo para solicitar permisos para as fogueiras de San Pedro (29 de xuño) e San Xoán (24 de xuño) xa están abertos no Concello de Ponte Caldelas. As persoas e colectivos interesados deben presentar a solicitude nas oficinas municipais, ou ben por solicitude electrónica, antes do próximo luns, 19 de xuño.

O Concello fai saber que só se outorgarán autorizacións para fogueiras tradicionais, cumprindo así o previsto na Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. En cumprimento deste texto legal, tampouco se autorizan cacharelas en zonas de influencia forestal.

Ademais o Concello recalca que as fogueiras deben situarse en zonas idóneas e cunha distancia mínima ás casas de 20 metros. Non poderá haber vehículos de tracción mecánica dentro dese mesmo radio, nin tampouco depósitos de combustible ou almacéns de sustancias inflamables.

Por outra banda, deben situarse en buracos o máis profundos posible e rodeados de pedra ou dunha pequena gabia. Ademais, os organizadores deberán ter a man mangueiras e extintores ou, polo menos, auga para 20 cubos.

Outra das condicións atinxe aos materiais que está prohibido queimar, entre eles rodas, plásticos ou calquera outro material especialmente combustible, coa única excepción da madeira. Do mesmo xeito, está prohibido compoñer as fogueiras con papeis, cartóns ou ramallos de eucalipto, pois son susceptibles de producir faíscas que, co vento, incrementan o risco de propagación.

Finalmente, o Concello recomenda iniciar o lume pouco a pouco e soterrar completamente os restos da fogueira, unha vez rematada.

Arquivado en