Co anuncio de que "maio vai ser o mes gastronómico de Pontevedra", a concelleira de Promoción Económica e Turismo Yoya Blanco presentaba o certame 'Ponte Almorzo', unha cita na que se vai poñer en valor a variedade de almorzos que se serven na cidade e coa que se pretende impulsar ao sector hostaleiro local.
Do 6 ao 15 de maio, as cafeterías, bares e demais establecementos hosteleiros que se inscriban nesta iniciativa deberán ofertar por un prezo de 4 euros un completo almorzo composto por: bebida fría, bebida quente e petisco a elixir entre doce ou salgado. Este almorzo deberá servirse nun horario mínimo de entre as 9 e as 12 da mañá, aínda que queda a decisión dos establecementos participantes se desexan amplialo e convertelo en brunch no canto de almorzo.
Tras a consumición, o cliente poderá votar o almorzo introducindo unha papeleta nunha urna habilitada que lle dará opción a participar nun sorteo con tres premios de cen euros para gastar nos locais participantes. Unha vez pechado o certame, decidirase cal é o establecemento hosteleiro de Pontevedra que sirve o mellor almorzo segundo o maior número de votos que sume.
Os establecementos que desexen participar en 'Ponte Almorzo' deberán inscribirse ata o 23 abril a través do seguinte formulario: https://forms.gle/uDb7oD1hNhSrj9jc9. As bases do certame poden consultarse na páxina de Facebook de Hoempo, a asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra.
A organización do evento corre a cargo dos Hostaleiros Empresarios de Pontevedra e o Concello asume os custos. Este apoio é moi valorado polo presidente da asociación, Daniel Lorenzo, especialmente neste momento "tras dous anos moi malos e os últimos meses cunha suba constante dos prezos das materias primas e da enerxía moi salientables".
Xunto ao presidente dos hostaleiros pontevedreses, no acto de presentación de 'Ponte Almorzo' tamén participaron o vicepresidente, Rafael Rúa, e o secretario da asociación, Antonio Fernández.
A visión da hostalería pontevedresa é que o consumo estase a reactivar pero aínda se necesita manter esta tendencia nos vindeiros meses. De momento, o balance da Semana Santa é esperanzador e, a falta de datos oficiais, que serán comunicados en breve, Yoya Blanco admitía que "sospeito que estaremos en cifras como en verán de prepandemia".
MAIO, MES GASTRONÓMICO
Ademais de 'Ponte Almorzo', o mes de maio conta con outras iniciativas para apoiar ao sector hosteleiro e de lecer que se foron anunciando nas últimas semanas. É o caso do I Campionato de Tapas de Galicia, que se celebrará en Pontevedra durante os días 2 e 3 de maio, e que terá como preámbulo, entre o 22 de abril e o 1 de maio, a I Ruta de Tapas de Galicia.
Ademais, para consolidar á cidade como referencia en hostelería de calidade e poder acadar o selo de excelencia culinaria Capital Española da Gastronomía 2023, a Concellería de Promoción Económica e Turismo está deseñando un calendario de citas gastronómicas para todo o ano. Como avance, a edil socialista Yoya Blanco sinalaba que entre o 9 e o 25 de setembro está previsto celebrar 'Ponte Cóctel' e do 17 ao 27 de novembro o certame 'Pontetapas'. As datas son orientativas.