Ponse en marcha o servizo directo da OMIX nos centros educativos de Soutomaior

Soutomaior
06 de outubro 2023

A Oficina Municipal de Información Xuvenil de Soutomaior estivo presente este venres nos centros educativos do concello co fin de achegar toda a información sobre as actividades que se realizan destinadas a eles, e tamén, a posibilidade de facer de maneira directa o carné xove dende o propio centro escolar

A técnica da OMIX no Colexio Santiago Apóstolo
A técnica da OMIX no Colexio Santiago Apóstolo / Concello de Soutomaior

O Goberno local do Concello de Soutomaior valora coma un éxito a participación na primeira xornada da posta en marcha do servizo directo da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) no Instituto de Educación Secundaria Soutomaior e no Colexio Santiago Apóstol.

Centos de estudantes se achegaron a este punto para recoller a información das actividades que o concello está organizando.

O Concello de Soutomaior a través da Concellería de Mocidade pon en marcha o programa "InfoExpress" co obxectivo de achegar a información á mocidade matriculada nos centros educativos do municipio. 

O alcalde e concelleiro de Educación, Manu Lourenzo, e a técnica da OMIX, Sonia Pintos, levaron este punto de información itinerante a estes centros educativos nesta xornada creando espazos seguros onde a información chegou a mocidade de xeito "fiable e directo" para que poidan estar ao día de todas as actividades ou campañas das que se poden beneficiar.

Os obxectivos que persegue esta iniciativa son: achegar á mocidade a información do seu interese, motivar a participación nas actividades municipais e facilitar a obtención do carné xove.

Na primeira fase deste proxecto, nesta xornada e de maneira presencial alcalde e ténica da OMIX estiveron no IES de Soutomaior e no Colexio Santiago Apóstolo, co fin de poñer a disposición do alumnado o servizo, que difundirá as actividades municipais que se están organizando dirixidas a eles, dentro dos programas: Rede AVIVA, Outono Aventura ou Noctámbulas, entre moitos outros. Tamén se tramitará o Carné xove. 

Con este "InfoExpress", tal e como afirma o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, "o que queremos é informar debidamente e achegarlle a nosa mocidade todas as actividades que, para elas e eles, ofertamos dende o concello, e tamén, darlles todas as facilidades para que conten cunha ferramenta tan importante para eles como é o carné xove".