Quince anos leva en marcha a iniciativa Ponle Freno, impulsada polo Grupo Atresmedia xunto a Fundación AXA, para concienciar a toda a sociedade da importancia de seguir mellorando a seguridade viaria e reducir a sinistralidade nas estradas.
Con motivo deste aniversario, os seus responsables distinguiron de maneira especial a persoas, institucións públicas e privadas e organismos que contribuíron "de maneira activa e positiva" a combater as cifras no noso país.
Un deles foi o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que recibiu unha mención honorífica como "pioneiro da mobilidade urbana moderna".
Este recoñecemento foi compartido con Joan Clos, ex alcalde de Barcelona; e Alfonso Gil, ex tenente de alcalde de Bilbao, responsable de coordinar as súas políticas de mobilidade.
Entre os premiados estivo tamén o colexio María Inmaculada de Verín (Ourense), por ser o primeiro colexio en impartir unha materia 100% de seguridade viaria.
Os galardóns, que se entregaron nunha cerimonia que acolleu a sede do Senado, en Madrid, onde Fernández Lores destacou que este premio " é de toda a sociedade pontevedresa, que foi a que fixo posible a transformación da cidade".
"Que Pontevedra é un referente internacional é un feito constatado. Somos unha cidade que está na vangarda, que soubemos elixir o noso propio camiño e que seguirá avanzando co obxectivo de facer unha cidade para as persoas", subliñou o alcalde.