Ponle Freno premia ao policía local Abelardo Martínez pola súa implicación na educación viaria

Sanxenxo
23 de abril 2021

O axente recolleu este venres o galardón na categoría "Ciudadano Ponle Freno" da man da presidenta do Congreso, Meritxel Batet

Meritxel Batet, o poli Paco e Abelardo Martínez
Meritxel Batet, o poli Paco e Abelardo Martínez / Concello de Sanxenxo

Sanxenxo referenda a súa aposta pola seguridade viaria cun novo galardón a nivel nacional "Ciudadano Ponle Freno" que este venres recolleu o policía local, Abelardo Martínez, no hemiciclo do Senado en Madrid. 

O premio recolleuno da man da presidenta do Congreso, Meritxel Batet, e que recoñece a implicación do axente e do propio concello na educación viaria desde hai máis de tres décadas.

Co monicreque do Poli Paco, Abelardo Martínez xunto ao seu compañeiro Manuel Martínez lograron achegar aos centros educativos do municipio a educación viaria dunha forma lúdica e divertida. Unha figura que conta cun importante arraigamento en Sanxenxo e que mesmo deu nome ao circuíto viario que desde hai dous anos atópase na entrada do colexio A Florida.

Esta iniciativa quedou como finalista na edición pasada na categoría "Ponle Freno Junior".

Martínez fixo referencia na recollida do premio ao "virus vial" que se inxectou en Sanxenxo co obxectivo de reducir a sinistralidade e dedicou o premio aos seus compañeiros e a todos os policías locais de España que traballan na educación viaria.

Atresmedia leva 13 anos entregando os premios Ponle Freno co xornalista Matías Prats como mestre de cerimonias e Carlos Sainz como outro dos rostros coñecidos da campaña. Estes galardóns convertéronse xa nunha referencia e están destinados a recoñecer ás persoas, accións, entidades e organismos públicos que contribúen de maneira activa e positiva á mellora da seguridade viaria no noso país.

Os gañadores de todas as candidaturas foron fallados por un xurado de expertos de Ponle Freno.