Poñen a punto os espazos públicos de Pontevedra de cara ao verán

Pontevedra
08 de xuño 2021

Tras superar os meses de chuvia, o goberno municipal de Pontevedra decidiu intensificar os labores de mantemento de todo o espazo público da cidade, co obxectivo de que estean en óptimas condicións para atender o incremento das actividades na rúa

Obras de mantemento na rúa Tablada
Obras de mantemento na rúa Tablada / Concello de Pontevedra

Tras superar os meses de chuvia, o goberno municipal de Pontevedra decidiu intensificar os labores de mantemento de todo o espazo público da cidade, co obxectivo de que estean en óptimas condicións para atender o incremento das actividades na rúa.

Unha das principais actuacións que se están a realizar é a revisión e mantemento dos itinerarios peonís, co obxecto de arranxar ou substituír lousas ou elementos do pavimento en mal estado ou deteriorados polo uso ou polas condicións climáticas.

Neste apartado, no primeiro semestre do ano, actuouse en todas as rúas do barrio de San Roque, na avenida de Marín, rúa Oliva, rúa Luis Otero, glorieta de Compostela, rúa Riestra e en rúas do centro histórico: Laranxo, Real, Arcebispo Malvar e o entorno do Teatro Principal.

Tamén se actuou en rúas completas, como foi a substitución das beirarrúas de Alcalde García Filgueira por un pavimento de aglomerado continuo en cor marrón.

Esta actuación supón a primeira vez que se utiliza este material nunha beirarrúa da cidade e úsase nesta rúa por estar en pendente, xa que está especialmente deseñado para evitar esvaradas. Estes traballos tamén implicaron o cambio das canalizacións de pluviais.

Neste apartado de actuacións en rúas completas, tamén se creou unha zona de estancia en Pintor Virxilio Blanco, sinalan desde o Concello.

Ademais, se acondicionaron máis de cen bancos. Concretamente actuouse nos situados na avenida de Marín, na rúa José Adrio Barreiro, na contorna da fonte da praza de Galiza e na praza do Hospital.

No mes de maio iniciáronse os traballos de limpeza de farois, actuando en máis de 175, situadas nas rúas Arcebispo Malvar, Pardo Bazán, nas rúas de acceso á praza de Barcelos, Sagasta, Castelao, Cruz Gallástegui e varias rúas do entorno de Campolongo.

O arranxo de entradas de garaxes na rúa Tablada, Almirantes Matos, Bibiano Osorio Tafall e rúa Grecia; ou o reacondicionamento e a creación de zonas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida na avenida de Marín e Campo da Torre completaron as actuacións.