PON 2030, o novo plan da Deputación para "dotar de recursos extraordinarios aos concellos"

Pontevedra
23 de febreiro 2023

O PON 2030 tamén contará con 7 millóns de euros que se dedicarán á rehabilitación do convento de Santa Clara

Carmela Silva e César Mosquera
Carmela Silva e César Mosquera / PontevedraViva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera presentaron este xoves PON 2030, un novo plan da institución provincial para "dotar de recursos extraordinarios aos concellos da provincia" a través de 34,40 millóns de euros de remanentes.

O groso deste PON 2030 está dotado de 23 millóns de euros. Segundo explicou Carmela Silva, cada concello da provincia de menos de 50.000 habitantes poderá optar a un único proxecto, cunha cantidade máxima financiable do 90% do Plan Concellos 2023 e ata un máximo de 1 millón de euros e un mínimo financiable dun terzo do Plan Concellos 2023. 

Financiaranse proxectos de rehabilitación e novos equipamentos e dotacións, recuperación de espazos públicos e accións para o cumprimento da nova lei de residuos.

A tramitación administrativa deste plan comezará coa súa aprobación nun pleno extraordinario da Deputación de Pontevedra convocado para o próximo 6 de marzo.

Ao día seguinte sairán publicadas as bases e no prazo de 45 días presentaranse os proxectos por parte dos concellos para que poidan ser valorados por unha "comisión de persoas expertas" na que non hai políticos, segundo recalcaron. Posteriormente aprobarase a resolución da convocatoria e os convenios tipos, notificándose por vía electrónica aos concellos da concesión para que poidan aprobar o convenio no órgano municipal competente e finalmente proceder á firma dese acordo.

Os prazos de execución dos proxectos e a súa xustificación serán máis "xenerosos" que en anteriores plans extraordinarios da Deputación. Así, fíxase o prazo do 30 de abril de 2025 para que estean executados. É un obxectivo "viable" xa que se pretende que se presenten "proxectos maduros". A data tope para a súa xustificación é o 30 de setembro de 2025.

Para unha segunda liña de actuación deste plan extraordinario, a Deputación de Pontevedra reservou 2,7 millóns de euros que están destinados ao cofinanciamento de novos proxectos europeos "Dá túa man no rural", de eficiencia enerxética, a Axenda Local 2030, "Vive río Minho", STRAEE, "Hub para a loita contra a fenda dixital", parte do ciclo da auga e comunidades enerxéticas. 

Tamén se inclúen neste apartado as melloras no Centro Príncipe Felipe, a ampliación de recursos para "A túa primeira experiencia laboral" e a empregabilidade de persoas con discapacidade, a musealización da Casa de Combarro e actividades culturais, turísticas e ambientais.

O PON 2030 tamén contará con 7 millóns de euros que se dedicarán á rehabilitación do convento de Santa Clara. 

Finalmente, o plan extraordinario complétase con 2,7 millóns de euros para facer fronte ás inundacións sufridas na provincia entre decembro de 2022 e xaneiro de 2023 "unha reacción da Deputación de Pontevedra ante a inacción da Xunta de Galicia", sinalou Carmela Silva. Está destinado aos concellos damnificados polas inundacións deste inverno e destinaranse estas axudas á reparación e reconstrución de bens e espazos públicos, á súa limpeza e reacondicionamiento, á construción de muros de contención e terrapléns ou á reposición de elementos e mobiliario danados, entre outras actuacións.

Poderanse financiar con cargo a estes fondos todos os realizados entre decembro de 2022 e xaneiro de 2023 nos concellos de menos de 20.000 habitantes tendo en conta unha variable: o índice pluviométrico maior de 50 litros por metros cadrado do día 1 de xaneiro deste anos.

"Trátase dun plan extraordinario posto en marcha ante a inacción da Xunta para poñer en marcha a lei galega de Emerxencias", recalcou a presidenta da Deputación de Pontevedra.

Carmela Silva tamén destacou que este plan extraordinario que lanza a Deputación de Pontevedra "é unha oportunidade para os Next Generation", xa que é compatible con outras axudas das administracións públicas e privadas e especificamente cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia español.