"O estado do conxunto das ruínas de San Domingos é aceptable, non presentando riscos estruturais globais", é a principal conclusión do informe encargado pola Deputación de Pontevedra tras o desprendemento dun dos capiteis, o pasado 10 de agosto. Este estudo foi elaborado pola empresa Capitel ingeniería, arquitectura e innovación, S.L. que propón abordar a consolidación do monumento.
A deputada Ana Isabel Vázquez anunciou en rolda de prensa que estas instalacións permanecerán pechadas "polo menos durante outros catro meses", que é o tempo estimado que durarán os traballos de conservación e mantemento. Estes traballos están presupostados en douscentos mil euros e están pendentes dos oportunos permisos de Patrimonio.
O director da empresa Capitel e profesor do Area de Inxeñería da Construción en Universidade de Vigo, Javier de la Puente, explicou que a inspección en detalle do conxunto histórico, que incluíu a elaboración dun escáner en 3D, comprobou que o derrubamento radial das ábsidas é mínimo e tampouco habia desviacións maiores no derrubamento frontal. Esta avaliación da estabilidade das ruínas contou coa valiosa información solicitada no ano 2008.
O informe alerta da "colonización biótica" é dicir, a gran presenza de musgos e líquenes, así como da perda de material nalgunhas áreas ou da necesidade de fixación dalgunhas pezas, ou a alta presenza de humidade capilar no patio interior.
POMBAS E GAIVOTAS
Unha das principais causas de deterioración deste monumento é a acción de pombas e gaivotas polo que o informe encargado pola Deputación recomenda que se dificulte a presenza e o aniñamento destas aves.
As ruínas de San Domingos é o edificio máis antigo de todos os que forman parte do Museo e recibe máis de corenta mil visitas ao ano. Consérvase unicamente a cabeceira, de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, e parte do muro Sur da igrexa e a entrada ao capítulo do convento de Santo Domingo, fundado en torno a 1282.