21 murais decoran outras tantos centros escolares do municipio a través da iniciativa 'O teu cole na historia', unha iniciativa conxunta de Polo Correo do Vento e a concellería de Educación do Concello de Pontevedra. Agora, todos eses traballos con referencias artísticas, ambientais e históricas recóllense nun libro que será distribuído nos colexios para que os escolares coñezan a historia do seu centro.
Tino Fernández, concelleiro de Educación, presentaba con Carlos Taboada e Quique Mauricio, integrantes de Polo Correo do Vento, este traballo que conta cunha tirada de 2.000 exemplares e que constitúe un dos proxectos estrela, xunto a Pontenciencia, da concellería de Educación, segundo explicou o seu responsable.
A aparición do libro leva acompañada unha exposición itinerante polos centros educativos e tamén na rúa con actuacións explicativas da agrupación. cuxos integrantes agradeceron este mércores a colaboración de Vanesa Estévez e do profesorado que se implicou neste proxecto. A proposta permite que os escolares coñezan as razóns da denominación da súa escola e dos demais colexios públicos de Pontevedra, ademais das características principais relacionadas coa contorna do centro.
Destacaron que, durante as visitas realizadas ás escolas, comprobaron o interese do alumnado por detalles como a existencia do Campo do Progreso onde agora se atopa o CEIP Álvarez Limeses, un espazo onde se xogaba a hóckey, nas súas modalidades feminina e masculina.
Tamén destacaron que o CEIP de Marcón recuperou o Entroido tradicional con gran éxito despois de que durante as sesións de creación do mural investigasen a existencia desa celebración histórica.
Desde Polo Correo do Vento indican que tanto esta publicación como as sesións que se realizarán estarán destinadas tanto a público infantil como adulto que teña interese por coñecer a biografía das persoas que dan nome aos centros escolares ou a historia do edificio.