Policías locais de Poio acusan ao Concello de "acoso e discriminación" e o goberno municipal recrimínalles "chantaxes"

Poio
31 de xaneiro 2025

David Vázquez e José Benito Martínez, representantes sindicais de CSIF e CCOO, falan de "negativa de diálogo" e o goberno local responde que durante ano e medio houbo un diálogo continuado

Comisaría da Policía Local de Poio
Comisaría da Policía Local de Poio / Mónica Patxot

Representantes sindicais da Policía Local de Poio critican a "negativa de dialogo" por parte do goberno local do municipio e recrimínanlle unha "política ditatorial que produce un claro trato de acoso e discriminación a funcionarios públicos".

David Vázquez e José Benito Martínez, representantes sindicais de CSIF e CCOO, compareceron ante os medios de comunicación para que "os veciños de Poio saiban a verdade sobre o que está a ocorrer entre a Policía Local e o Concello".

En resposta á súa comparecencia, o Concello de Poio emitiu un comunicado no que quixo aclarar que "dialogar é diferente a aceptar as chantaxes e imposicións da Policía Local" e asegurou que durante ano e medio houbo un diálogo continuado coa policía.

Os representantes sindicais sitúan o inicio do conflito no cambio de goberno local en 2023, pois sinalan que, á súa chegada, puxeron ao día ao alcalde e aos responsables de Persoal e de Seguridade da situación real do persoal, con "baixa ratio de policías por habitante" e a necesidade de crear novas prazas para evitar que, por continxencias do día a día, fose necesario o peche da quenda.

Critican que o goberno local fixo "caso omiso" ás peticións e iso motivou que, desde fai máis de tres meses, por unha serie de circunstancias, teñan que pechar quendas. Para pechar as menos quendas posibles, realizaron reforzos de servizo, traballando 17 días de 21.

Segundo sinalaron os representantes de CSIF e CCOO, realizaron horas extras "coa promesa do acalde de cobralas primeiro en setembro, despois en outubro", pero aínda non cobraron.

Aseguran que o resto de departamentos municipais si as cobraron e tamén axentes que deixaron Poio, pero os policías que seguen en activo no municipio son tamén "curiosamente" o único departamento que non realizou o recoñecemento médico. Veno "discriminatorio" e lembran que é o mesmo sistema organizativo de 2023, cando si cobraron.

Os sindicatos indican que o concelleiro de Persoal "leva desaparecido 6 meses" e que se reuniu ás agachadas con membros do a Policía "por medo a represarías dos seus compañeiros de partido".

O cuadrante de traballo da Policía Local, que se aplica desde hai 15 anos en Poio, consiste en 7 días de traballo e 7 de descanso en quendas de mañá ou tarde e os sindicatos critcan que hai dúas semanas o concelleiro de Persoal trasladoulles unha proposta de cambio coa cadencia 3/2. Aseguran que "supera amplamente o computo anual de horas".

Para os sindicatos, as últimas decisións do goberno local son "evidentes represalias" e critican actuacións do alcalde como vixiar a actividade dalgúns policías en redes sociais.

RESPOSTA DO CONCELLO

En resposta ás declaracións destes sindicatos, o Concello sinala que o sistema sete días de traballo e sete días de descanso "non funciona desde o momento en que hai cinco axentes traballando en horario de mañá e teñen as dependencias pechas en horario de tarde".

Insiste en que as horas extras que están xustificadas xa están abonadas e as que están pendentes de pagar son as que fixeron sen estar autorizadas polas concellarías de Persoal ou de Seguridade Cidadá, "as horas que realizaron por decisión propia de cada axente e que, por tanto, é normal que se revisen para comprobar si son correctas e a que traballos se refiren".

Respecto diso, critican que algún axente tente cobrar oito horas extra dobres por ir recoller unha medalla que recibiu a Policía Local de Poio na Comandancia da Garda Civil por un acto que durou, aproximadamente, dúas horas.

Insiste tamén en que non se fixeron os recoñecementos médicos durante 2024 porque, segundo recolle o informe elaborado polo servizo de Persoal e Contratación, desde a Policía Local negáronse a facilitar as quendas anuais dos axentes.

"SITUACIÓN LÍMITE", SEGUNDO O BNG

O BNG referiuse este xoves á situación e denuncia que "a falta de diálogo de Angel Moldes provoca unha situación límite" e que o alcalde "usa a súa posición para difamar e calumniar".

O BNG denuncia que o "continuo acoso" que o PP realizaba desde a oposición "agora exérceo desde a posición de poder que lle da gobernar un Concello que non merece".