"Policías e presidiarios" tomarán Salcedo o próximo mes de abril

Pontevedra
15 de marzo 2018

O 'Rastrexo Ponte a Fuxir' terá lugar o vindeiro 21 de abril, e é unha actividade organizada por alumnos do Ciclo Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas (TAFAD) do IES Sánchez Cantón, en colaboración co Concello de Pontevedra e a Asociación Veciñal Salcedo Norte.

Presentación Rastrexo Ponte a Fuxir
Presentación Rastrexo Ponte a Fuxir / María López

Non se asusten se ven a xente escapando o vindeiro 21 de abril. Salcedo converterase na sede da primeira edición do 'Rastrexo Ponte a Fuxir', unha serie de probas de estilo xincana nocturna a través da cidade e do monte, organizada por alumnos do Ciclo Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas (TAFAD) do IES Sánchez Cantón.

A actividade realízase en colaboración co Concello de Pontevedra e a Asociación Veciñal Salcedo Norte, seguindo a temática de "presidiarios e policías".

Trátase da primeira vez que se realiza este tipo de proba en Pontevedra, comentaban os alumnos organizadores na rolda de prensa que tivo lugar no concello este xoves 15 de marzo. Estiveron acompañados ademais pola concelleira de deportes, Anxos Riveiro, e por Mónica Lustres e José Luis Galego, representantes da Asociación Veciñal Salcedo Norte.

Esta actividade, de carácter lúdico, consta de dez quilómetros divididos en 11 probas que varían desde levar sacos dun punto específico a outro, ata un rocódromo, todas realizadas por grupos.

Ademais haberá dúas categorías: unha familiar, que terá lugar desde as 19:00 ata as 20:00 h e estará destinada a persoas que conten no seu equipo con algún menor de 13 anos. A segunda categoría, Open, está destinada a maiores de 16 anos e o seu horario será entre as 19:00 e as 02:00 h.

Os menores de 18 anos deberán contar con autorización paterna para participar, e os menores de 16 terán que ir acompañados dun adulto. Ademais nos grupos nos que haxa menores de idade será necesaria a presenza dun adulto que actúe como responsable.

Hai un total de 750 prazas dispoñibles e as inscricións atópanse xa abertas. Quen desexe apuntarse poderá facelo desde a páxina web de 'Ponte a Fuxir', onde ademais atópase toda a información acerca das actividades, así como ligazóns ás redes sociais. As tarifas de inscrición varían desde os 6 euros ata os 9 euros por persoa, ademais dun suplemento de 5 euros por grupo.