Dende a Unión Federal de Policía e a Unión de Gardas Civís emitiron un comunicado expresando a súa sorpresa e indignación ante a contratación do grupo de rock Soziedad Alkoholika para os concertos incluídos nas festas da Peregrina.
"Esperamos sexa un despiste, porque se non sería moito máis grave por parte da casa do concello pontevedrés", di o escrito destes sindicatos que apunta que Soziedad Alkoholika, é un grupo que na letra das súas cancións "destila odio contra as forzas e corpos de seguridade e estas mesmas letras xa ofenderon a outros colectivos, como as victimas do terrorismo" e citan como exemplos cancións como "Sindrome do Norte", "Explota Zerdo" ou mais recentemente no seu álbum de 2011 Cadenas de Odio titulada "Presunto culpable".
Dende a Unión Federal de Policía e a Unión de Gardas Civís, consideran que este grupo "non achega absolutamente nada a unhas festas que son para o desfrute de todos, nas que ninguén se debe ver excluído nin menosprezado".
Segundo as informacións que teñen estes sindicatos o custo da actuación deste grupo o próximo día 9 de agosto terá un montante para o erario do Concello de ao redor de 21.700 euros, "diñeiro que queremos recordar ao señor alcalde achegamos todos os contribuíntes, incluídos Policías e Gardas Civís e querémoslle facer saber ao señor alcalde que non estamos en absoluto dispostos a que co diñeiro que achegamos para os impostos xunto co resto de cidadáns pontevedreses se utilice para insultarnos e denigrarnos nin a nós nin a outros colectivos de cidadáns".
Por estes mesmos motivos propoñen á Alcaldía que con ese diñeiro presupostado para as festas se contrate "a grupos galegos que os hai e moi bos e así fomentar a nosa cultura ou en caso de non querer sexa empregado para as moitas e acuciantes necesidades que sofre a cidadanía nestes tempos de crise".
Finalmente destacan que que "aínda así non dubiden nin por un momento que as forzas e corpos de Seguridade estarán nas festas da Peregrina proporcionando seguridade e tranquilidade aos nosos veciños para que poidan gozar dunhas festas pacíficas, sen obxección do grupo musical que sexa invitado".