A Policía Nacional alerta: se che ofrecen traballo por mensaxes ou redes sociais, pode ser unha ciberestafa

Pontevedra
24 de marzo 2025

Citan varias estafas detectadas en Ourense nas que facían crer ás vítimas que foran elixidas nun proceso de selección dunha coñecida empresa do sector da moda deportiva

Axente da Policía Nacional da unidade Udef-Ciberdelincuencia de Pontevedra
Axente da Policía Nacional da unidade Udef-Ciberdelincuencia de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Nacional lanza unha alerta para avisar a todos os cidadáns e cidadás de que extremen a precaución no caso de que lles cheguen ofertas de traballo a través das aplicacións de mensaxería instantánea e redes sociais.

Pódese tratar dunha ciberestafa nunha modalidade pola que se recibiron "numerosas" denuncias en Galicia.

Como exemplo, citan varias estafas detectadas na Comisaría Provincial de Ourense nas que facían crer ás vítimas que foran elixidas para participar nun proceso de selección de persoal dunha coñecida empresa do sector da moda deportiva.

Neste caso, os estafadores contactaban coa vítima mediante unha coñecida aplicación de mensaxería instantánea.

O suposto responsable da área de Recursos Humanos desta empresa solicitaba o envío de curriculum actualizado, á vez que instaba o pago de distintos importes, con diferentes conceptos, como a realización dun test psicotécnico.

A maior parte das vítimas eran usuarios dunha coñecida plataforma online para a procura de emprego, da que posiblemente os estafadores obteñen información de persoas en procura activa de emprego.

O modus operandi adoita ser sempre similar. Os ciberestafadores informan mediante chamadas con alocucións gravadas ou directamente por aplicacións de mensaxería instantánea da selección desa persoa para un posto de traballo. Con posterioridade, informarán da necesidade de realizar algún pago por diferentes conceptos para continuar con esa contratación, e aí está a estafa.

Desde a Policía Nacional lembran que non é normal que unha empresa contrate exclusivamente online ou por teléfono a unha persoa, xa que, habitualmente, prodúcese unha entrevista previa de carácter presencial.

Tamén avisa de que deben activarse todas as alertas cando nos soliciten o pago de diñeiro por adiantado, ou que lles acheguemos os nosos datos persoais en liña, especialmente cando se soliciten os datos bancarios.

Como consello xeral, a Policía Nacional recomenda non contestar nunca a correos electrónicos ou mensaxes instantáneas cuxa procedencia descoñecemos, non abrir arquivos adxuntos descoñecidos e non picar en enlaces descoñecidos, xa que nos poden levar á páxina web fraudulenta.