O Concello de Pontevedra actualizou o acordo coa Garda Civil respecto a a vixilancia e control do tráfico.
Segundo informou en rolda de prensa a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, "desde o Concello tiñamos claro que o noso obxectivo pasaba por ter a capacidade de control do tráfico nos núcleos nos que hai mais poboación" e aqueles espacios considerados "prioritarios", á hora de articular os labores de vixilancia, como son as contornas dos centros escolares.
Por outra banda, resulta "necesario" aclarar quen se encarga do control daquelas vías novas, como é a Rolda Leste, ou como será a futura circunvalación do Hospital Montecelo.
Así, a Policía Local de Pontevedra asume as citadas Rolda Leste e a circunvalación de Montecelo. Tamén asume a PO-541 na zona de Mourente-Monte Porreiro, o centro escolar de Lérez, o límite sur da estrada vella de Marín, a contorna do centro comercial Carrefour en Salcedo e a praza dos Praceres e as vías de acceso á mesma.
Pola súa banda, a Garda Civil de Tráfico asume o límite norte da PO-223 en Lérez, o tramo entre a glorieta da ponte das Correntes ata o nó de Bombeiros e o núcleo urbano de Ponte Sampaio por unha cuestión de eficacia xa que as vías lindeiras xa son da súa competencia.
Anabel Gulías agradeceu "a disposición da Garda Civil de Tráfico" e expresou a vontade do goberno local de "seguir traballando nesta liña de colaboración e coordinación" co instituto armado.
No ano 2006 chegouse a un primeiro acordo sobre as áreas da cidade que vixía a Policía Local e aquelas que son competencia do instituto armado, posteriormente modificouse no ano 2012 e agora "era necesario actualizar" co obxectivo de realizar un labor de control "da maneira máis eficaz e eficiente" por parte de ambos os corpos de seguridade.