A concellaría de Festas xa concretou o dispositivo de seguridade que se poñerá en marcha con motivo da celebración da Feira Franca, os días 5 e 6 de setembro, e que atraerá a multitude de visitantes á cidade de Lérez.
O dispositivo elaborouse en coordinación dos servizos de seguridade municipais, polo que estarán presentes Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e tamén varios equipos médicos repartidos por diversos puntos da cidade.
Desta forma habilitarase un posto médico avanzado no Teatro Principal, ademais de tres vehículos de asistencia en Valentín García Escudero, Michelena e Alameda.
Pola súa banda Protección Civil e Bombeiros contarán con dous vehículos cada un preparados para intervir, o que se completa con baterías de extintores en oito puntos concorridos da celebración.
Estes medios estarán alerta durante toda a festa, empregando unhas rutas de evacuación que estarán activas dende as 11:00 horas do día 6 ata a 4:00 horas da madrugada seguinte.
O operativo, que estará coordinado dende o centro de comunicacións da Policía Local, complétase cos números de teléfono de todos os responsables que participan no mesmo, dende a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, pasando polo xefe municipal do servizo de Cultura ou os mandos de Policía Local, Nacional, Bombeiros, Protección Civil e servizo médico.