Os grupos provinciais do Partido Popular e do Partido Socialista na Deputación de Pontevedra rivalizaron este venres, na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de marzo, co "escándalo" xerado pola exclusión do Estadio Municipal de Balaídos da candidatura para ser sede do Mundial de fútbol do 2030.
O BNG chegou a cualificar de "tangana" o enfrontamento que se produciu ao tratar as mocións fóra do orde presentadas polos socialistas e os populares.
Os deputados socialistas e nacionalistas decidiron abandonar o pleno en sinal de protesta ante o "abuso de poder do goberno de López", quen quixo impoñer o debate da proposta do PP en primeiro lugar a pesares de que había outra anterior do PSOE sobre o mesmo tema.
O voceiro do BNG César Mosquera pediu explicacións ao presidente Luis López e afeou a "xogarreta infantil" de non respetar a orde de entrada dos textos dos grupos políticos no Rexistro como habitualmente se fai en todas as sesións para establecer quen fala primeiro.
A pesares de que formalmente segundo o regulamento o presidente ten a potestade de decidir cal é a orde das mocións, o BNG considerou o movemento do PP unha "estratexia pouco elegante" para dar máis importancia á súa proposta.
Tras pedir explicacións, que foron desoídas, o grupo nacionalista decidiu levantar e marchar ante o desorde xeral e o cruce de acusacións que continuaba nese momento entre o PP e o PSOE.
Minutos despois, "ante a actitude antidemocrática" os deputados do grupo Socialista rexeitaron debatir unha moción da que tampouco tiñan coñecemento, circunstancia esta última que recoñeceu Luis López como "un erro" por non ter compartido unha copia da moción de urxencia que presentou o PP para o seu debate.
Finalmente, os deputados do PP na corporación aprobaron a moción presentada polo seu grupo para amosar o apoio da Deputación á candidatura da cidade de Vigo para converter o estadio de Balaídos en sede do Mundial de fútbol do 2030, esixir á Real Federación Española de Fútbol (RFEF) que faga públicos os criterios de baremación e as puntuacións técnicas de todas as cidades que aspiraban a acoller partidos da fase final desta competición e demandar o establecemento de conversacións directas e un traballo técnico rigoroso entre o Concello e a RFEF para abordar o procedemento levado a cabo para a designación das sedes co obxectivo de esclarecer os feitos.

OUTROS ASUNTOS
O pleno comezou coa lectura dun discurso a cargo dun voceiro da veciñanza de Bueu que reclaman unha mellora na contorna de Cabo Udra, que o presidente Luis López xa adiantara hai unha semana ao alcalde Félix Juncal que executará este mesmo ano.
A sesión continuou coa aprobación, cos votos a favor do grupo Popular e a abstención dos grupos socialistas e nacionalistas, do expediente de modificación de crédito, a segunda do ano, por un importe total de 4,2 millóns de euros que se financia con cargo a remanentes líquidos de tesourería.
A modificación de crédito inclúe axudas a entidades de todos os ámbitos por valor de máis de 350.000 euros, obras en edificios da Deputación por máis de 1 millón de euros e 400.000 euros para a Bienal de Pontevedra.
O pleno aprobou tamén a execución da sentenza para incluír ao Concello do Porriño como beneficiario do programa ReacPon, do que fora excluído, así como a dotación dos fondos para executar o proxecto (645.000 euros) incluída na modificación de crédito.
MOCIÓNS
No apartado de mocións, tamén foi aprobada co apoio do grupo de goberno e do BNG a moción para reclamar ao Goberno de España o pago da "débeda histórica" do Sistema de Atención á Dependencia en base ao recollido na lei deste ámbito, aprobada no ano 2006, e que ascende a 2.500 millóns de euros para a Comunidade de Galicia, dos que 771 millóns corresponden á provincia de Pontevedra, esixir ao Goberno que cumpra co financiamento do sistema e que "cese de inmediato nos recortes" ás achegas de Galicia para sufragalo.
Igualmente aprobouse a petición do grupo Popular para solicitar ao Goberno central a dragaxe do Río Miño ao seu paso polos concellos da provincia.

Pola contra, foi rexeitada coa maioría dos votos do PP a petición do PSOE para instar á Xunta á gratuidade do aparcamento do futuro Hospital Gran Montecelo.
O BNG lamentou o "erro histórico" de non ter feito un aparcamento en superficie para o novo hospital de Montecelo, xa que ese formato faría máis viable que fose de balde.